Se hai unha palabra que para os frikis do mundo describa a sensación que predomina este mes sen dúbida sería hype ou expectación, xa que estamos nun momento no que coinciden grandes fenómenos da cultura popular que levan anos entre nós, e que agora chegan ao seu desenlace.
Xogo de Tronos
Temos así que esta mesma fin de semana remata co inicio da derradeira tempada de Game of Thrones, serie que xa é de culto, e que sen dúbida serve de motor para a contratación da plataforma dixital de vídeo baixo demanda de HBO.
Os Vingadores
Pero nas salas cinematográficas tamén temos dous grandes fenómenos que pechan este ano. O primeiro deles é The Avengers: Endgame, que se ben non é a derradeira serie do Universo Marvel Cinematográfico, si é a que supón o peche dunha historia que leva máis de dez anos na grande pantalla, e que tras a última película dos Vingadores deixou ao público impaciente por coñecer o remate desta aventura épica.
Star Wars: Episodio IX
E no que a aventuras épicas se refire, tamén este ano diremos adeus á terceira triloxía de Star Wars, coa chegada dun Episodio IX do que por fin temos imaxes, e que promete apostar pola nostalxia para atraer ao público veterano, á vez que incluirá moitos elementos para enganchar ao público mozo, que consumirá outros produtos da franquía nas vindeiras décadas.
O mellor que podemos dicir desta nova entrega de Star Wars é que Disney decidiu que, tras a desfeita do filme de Solo, van deixar repousar a franquía nos cines, polo que nos vindeiros anos veremos producións como The Mandalorian ou unha nova tempada de The Clone Wars, pero non superproducións cinematográficas, o que permitirá que o público tome un descanso para que dentro duns anos poidamos gozar dunha nova triloxía totalmente renovada, fresca e ben pensada, que axude a esquecer a improvisación desta última.
Debe estar conectado para enviar un comentario.