Non hai dúbidas en que estamos chegando a un momento no que as plataformas de subscrición para acceder a contidos baixo demanda saturan a calquera, sendo impensable que un usuario medio contrate as principais plataformas dispoñibles, xa que non só falamos de Netflix, HBO, Amazon Prime Video… aos que se sumarán en breve Apple tv+ e Disney+, senón que tamén teriamos servizos como Spotify, Xbox LIVE Gold, Xbox Game Pass, PlayStation Plus… e iso sen contar o que custa xa contratar banda larga na casa e no móbil!
Vaia, que se ben a accesibilidade a contidos que temos actualmente parece un soño cumprido, se miras o que estamos a pagar por todo iso veremos que o investimento que realizamos en moitos casos é superior a cando consumíamos series, películas, videoxogos, música, prensa, revistas… do xeito tradicional, pero non parece que vaia haber volta atrás.
Iso si, un dos grandes atrancos que tivemos sempre resístese a desaparecer, e falo especificamente das fronteiras, xa que as compañías están a tardar moito en comercializar globalmente os seus produtos, o que deixa a algúns mercados como os europeos algo coxos, de xeito que temos vedados interesantes servizos por mor da absurdas fronteiras dixitais, que aínda que Europa van camiño de desaparecer, mantéñense co outro lado do Atlántico.
É así un tanto frustrante ver como nos EE.UU. está a desenvolverse unha plataforma de subscrición como DC Universe, orientada aos seareiros da editorial de personaxes como Batman, Superman, Wonder Woman, The Flash ou Green Lantern, que en España estamos bastante maltratados dende que Zinco deixou de editar o material da editorial.
Esta nova plataforma é moi curiosa, xa que combina os filmes e series de televisión de personaxes de DC (incluíndo a clásica serie de Batman de Bruce Timm), as novas producións audiovisuais de DC (Titans, Young Justice, Doom Patrol, Swamp Thing…) e agora tamén un catálogo de máis de 21.000 cómics en dixital, nos que se inclúen obras dos últimos 80 anos e incluiranse todas as obras actuais de DC un ano despois da súa publicación nos EE.UU. a un prezo de 7,99 dólares/mes ou 74,99 dólares/ano, o que calquera pixameiro considerará un prezo xusto e atractivo.
Ten sentido combinar contidos audiovisuais con banda deseñada baixo unha mesma subscrición? Estamos ante unha oferta que realmente podería sobrevivir na guerra de plataformas que probablemente se desencadee en 2020? Son boas para a industria as tarifas planas de lectura? Son moitas as dúbidas, e dá bastante carraxe non poder ter unha opinión formada por non poder probar a experiencia en primeira persoa.
A intuición leva a pensar que as subscricións tipo DC Universe ou Marvel Unlimited son simplemente canles de ingresos adicionais para as súas compañías, e téñeno complicado para converterse no xeito estándar de consumir banda deseñada xa que as publicacións que se lanzarían cada mes non dependerían das vendas directas, o que mudaría demasiado o modelo de negocio. Se as novidades de DC Comics pasasen a publicarse con criterios semellantes ao dos lanzamentos de Netflix poderiamos ver como o soño da tarifa plana sería un pesadelo.
Debe estar conectado para enviar un comentario.