Campaña para que RIQUIÑO sexa a Palabra do Ano 2023

Dende 2014 o Portal das Palabras convoca á sociedade galega para elixir a Palabra do Ano, iniciativa que en moitas ocasións adoptou un carácter reivindicativo, polo que parece unha...

Dende 2014 o Portal das Palabras convoca á sociedade galega para elixir a Palabra do Ano, iniciativa que en moitas ocasións adoptou un carácter reivindicativo, polo que parece unha boa idea aproveitar a ocasión para elevar unha palabra que claramente define a un creador moi influente en redes sociais, que vén de deixarnos antes de tempo: riquiño.

Por que riquiño?

A palabra riquiño está moi ligada á figura de Miguel López El Hematocrítico, quen durante bastante tempo lucía en Twitter o lema Born To Riquiño, e que incluso titulou a versión en galego dun dos seus meirandes éxitos literarios empregando a devandita palabra (Feliz Feroz. O lobiño riquiño).

Non son poucas as veces que cando alguén describe a Hemato en redes sociais ou en medios de comunicación emprega a palabra riquiño, existindo certo consenso á hora de definir como era esta figura que deixou un enorme baleiro.

Pero riquiño non é unha palabra pseudogalega?

En 2022 causou certo rebumbio que a Real Academia Galega asegurase que o adxectivo riquiño é unha palabra pseudogalega ao estar baseada nunha acepción da palabra rico que recolle a RAE pero non a RAG.

Pero a Palabra do Ano non está limitada a palabras recollidas polo dicionario e, de feito, nos últimos anos puidemos ver como foron elixidas a través desta iniciativa palabras como deseucaliptización (que nin sae no dicionario nin é de uso común), sentidiño (o dicionario recolle o termo sentido), Tanxugueiras (que é un microtopónimo) ou comadre (que aínda que sae no dicionario, a acepción reivindicada, relativa á sororidade, non está recollida).

Se comadre ou sentidiño poden ser a Palabra do Ano, riquiño tamén.

Por que non tróspidos?

hijos tróspidos

Moitos coñecerían a figura de El Hematocrítico ao pór de moda o adxectivo tróspido, recollido da fala popular co significado de esperpéntico ou tarado, pero dado que un programa de televisión estatal quixo apropiarse da palabra (que probablemente teña unha orixe galega por explorar), non parece atinado contribuír a tal usurpación (os responsables atribuíanse como mérito propio as publicacións de Hemato).

Que facer agora?

O primeiro que hai que facer para que riquiño poida ser a Palabra do Ano 2023 é propoñela na páxina web do Portal das Palabras antes do remate do domingo 10 de decembro, así como apoiar a campaña de Change.org para dar visibilidade á proposta. De saír seleccionada a palabra, entre o martes 12 e o domingo 25 habería que votar para apoiar tal palabra e así render tributo a Miguel López El Hematocrítico.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS