Solicitar o voto por correo pola Rede

Nas últimas semanas, cando nos medios de comunicación falaban do voto por correo nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia, comentaban que como principal novidade estaba o feito de...
Na páxina web de Correos por fin figura o apartado de voto por correo

Nas últimas semanas, cando nos medios de comunicación falaban do voto por correo nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia, comentaban que como principal novidade estaba o feito de que non habería que acudir ás oficinas de Correos en dúas ocasións para poder exercer o voto (unha para solicitalo e outra para emitilo) senón que desta volta sería posible solicitar o voto a través da Internet se contamos cun sistema de sinatura electrónica (certificado dixital ou DNI electrónico) de xeito que o carteiro serían quen nos achegase a documentación á casa, podendo nese mesmo momento entregarlle o voto e así poder evitar as ringleiras habituais nas oficinas de Correos, que non son o máis recomendables en tempos de pandemia.

Pero cada vez que escoitaba o tema de pedir o voto a través da Internet nun programa de radio ou televisión, acudía á páxina web de Correos, e a función anunciada seguía sen estar visible. De feito, a cousa era peor, xa que o apartado do voto por correo estaba presente, pero había que utilizar o buscador da web para atopalo, e víase como a sección estaba a medio redactar, levando a mensaxes de erro. Vaia, que era un prototipo inoperativo.

Resultaba bastante rechamante isto, non porque tardasen en habilitar a función (xa que aínda faltan varias semanas para os comicios) senón porque na documentación e na publicidade sobre o voto por correo figuraba sempre esa opción da solicitude en liña que non funcionaba.

Finalmente na páxina web de Correos incorporaron a sección da solicitude do voto por correo para as eleccións éuscaras e galegas, de xeito que con premer no botón amarelo no que pon «elecciones gallegas» (aínda que visites a web en galego) inicias un procedemento no que infórmase de que para completar as operacións será preciso contar con certificado dixital (o que temos moitos para presentar os impostos en liña) ou o DNI electrónico (aquí habería que apuntar que ten que terse renovado hai pouco, xa que o certificado que integra tamén caduca, e case ninguén o renova), así como ter instalada a aplicación de AutoFirma (que ocupa 192 MB e a poucos fará graza ter que realizar unha instalación dunha aplicación para algo puntual).

Quixen probar o funcionamento do sistema tras instalar AutoFirma, e resultou máis sinxelo do que esperaba, xa que tiña diante un formulario no que introducir o enderezo dende o que quería exercer o voto por correo, e un botón para asinar o formulario.

Cando premín no botón de Asina electronicamente abriuse a fiestra emerxente para a selección do meu certificado dixital, e xa puiden asinar a solicitude.

Tras iso, cheguei a unha páxina de confirmación da presentación da solicitude, dende a que poder descargar un comprobante.

Agora resta agardar a que nas vindeiras semanas reciban unha visita dun traballador de Correos na que achegará a documentación precisa para a realización do voto por correo, facilitando que nese mesmo momento poida completarse o proceso, que basicamente consiste en mandar por correo certificado un sobre grande no que vai dentro a documentación do voto por correo xunto coa papeleta co voto, que recibirán no colexio electoral e poderán meter na urna antes de iniciar as eleccións do día 12 de xullo.

Estaría moi ben poder exercer o voto de xeito 100% electrónico, pero poder votar a distancia non está mal, cando menos se temos fe nos intermediarios, que nesta ocasión son traballadores de Correos nos que habitualmente xa confiamos para moitas outras cousas.

Confíase en que este xeito de votar, solicitándoo dende a casa, sexa moi empregado, e sospeito que non vai ser masivo polo mero feito de que contar cun certificado dixital é pouco habitual entre a xente maior, que son claramente o obxectivo desta nova modalidade de voto (para reducir os riscos de contaxio da COVID-19).

ACTUALIZACIÓN (8-6-2020): Veño de recibir por correo electrónico un resgardo da presentación da solicitude do voto por correo, algo innecesario (a solicitude xa estaba asinada dixitalmente por ambas partes), pero vese que dende Correos teñen que manter os pasos establecidos no procedemento analóxico.

ACTUALIZACIÓN (23-6-2020): Vén de chamar o carteiro de sempre á porta, comentando que ten que facer varias paradas na mesma escaleira, e preguntando se quero entregarlle o voto a el neses mesmo momento. Deume a documentación, apartouse un anaco para que puidese meter o voto na papeleta, logo metín a papeleta nun sobre destinado ao colexio electoral, e xa está. Voto emitido!

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS