Colección friki dun espectador da Galega

Hai uns días déuseme por recompilar algunhas das películas e series de televisión en DVD, figuras, e outras curiosidades que teño por casa para demostrar que criarse vendo a...

Hai uns días déuseme por recompilar algunhas das películas e series de televisión en DVD, figuras, e outras curiosidades que teño por casa para demostrar que criarse vendo a Galega ten efectos secundarios para un friki, o que reflectín no seguinte vídeo:

Abrigarse no inverno coa bufanda do doutor Who é algo que pode pasar desapercibido, pero a camisa hawaiana de Magnum asegúrovos que non é precisamente discreta (ao contrario que a gorra de béisbol que tamén teño).

Recoñezo que moito do material que fun acumulando é polo mero feito de que non hai outro xeito de poder rescatar eses contidos, pois leva décadas sen emitirse en televisión e non parece que plataformas tipo Netflix vaian dignarse a recuperar masivamente material vello en definición estándar que podemos considerar de nicho.

Por desgraza, moitos dos discos son da versión en inglés, porque non chegaron a editarse en España (como Viaxeiros, Buck Rogers ou Cabaleiros con Aquel), e cando saíron aquí, poucas series o fixeron en galego, de xeito que aínda que a vella edición de Astérix o algunhas das Bolas Máxicas si estean na nosa lingua, cousas como a serie de Arale ou a de Magnum só están en español, co que perden toda a graza.

A verdade é que exemplos de dobraxe da Galega que chegaron ao corazón do público hai moitos, sendo especialmente destacables os de filmes de acción con protagonistas tipo Arnold Schwarzenegger ou Clint Eastwood, polo que é unha mágoa que teñamos que tirar de copias privadas para conservalos. Estaría ben que nun futuro puidésemos gozar da pista sonora en galego nas plataformas de streaming, para que poder gozar do audiovisual na nosa lingua non sexa unha carreira de obstáculos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS