A capacidade de mobilización que teñen os grandes programas de televisión nos EE.UU. non deixa de sorprender, principalmente porque manteñen o seu pulo no tempo, cando en España hai moito que non temos nada semellante (non, El Hormiguero non pode compararse cos late night americanos), e resulta especialmente grato ver como para unha estrea cinematográfica como Avengers: Endgame dende o programa de Jimmy Fallon conseguen xuntar aos principais intérpretes nun vídeo musical.

Escoller o clásico We Didn’t Start the Fire de Billy Joel e mudarlle a letra para resumir o Universo Marvel Cinematográfico (MCU), adornando o resultado cunha presentación con aire de banda deseñada quedou especialmente ben, resultando incluso raro que este vídeo se limite a televisión, xa que seguro que moitos preferirían que botasen a peza nos cines en lugar dalgún tráiler.
E, si, o momento I’m Groot quedou xenial.

Agora só queda agardar ao xoves pola tarde para poder ver o desenlace de 11 anos de filmes que fixeron historia con 21 entregas que levaron cara ao que semella un final apoteósico que non parece repetible no mundo do cine.