A outra Ana

Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...

Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de introducir a súa vivenda, poidan pór unha especie de armario con caixóns de distintos tamaños e pecho electrónico, de xeito que así poden recollerse os pedidos cando máis conveña, sen ter que procurar que haxa alguén no domicilio a todas horas para recibir os envíos de Amazon.es.

Agora que estamos en plan tormenta Ana, pareceume axeitado comentar que na Coruña, concretamente en Marineda City, hai un deses novos Locker, que curiosamente leva por nome Ana, e que probei o outro día para ver se o servizo funcionaba tan ben como se anunciaba.

Pedín un libro, marquei como enderezo de envío o Locker da Coruña, e cando chegou alí, recibín un aviso cun código de recollida na aplicación do móbil de Amazon, e paralelamente tamén recibín un correo electrónico que, aparte do código alfanumérico, incluía tamén un código de barras.

Procedín logo a achegarme a Marineda City, concretamente á entrada que queda enfronte ao IKEA, e pensei que o armario de Amazon estaría a plena vista, pero non é así, senón que tras entrar hai que ir a man esquerda, e o Locker está agochado detrás das escaleiras mecánicas, curiosamente xunto a outro armario semellante doutra compañía.

Fun á pantalla táctil do Locker, e ali podía elixir ou teclear o código de recollida ou pasar polo lector de códigos de barra a mensaxe que recibín por correo. Optei polo código e acto seguido abriuse unha porta tras a que estaba o meu pedido esperando, mentres que a pantalla da atenta Ana dábame as grazas. «Grazas a ti, ghuapi» – respondín como mandan os cánones das aplicacións móbiles. E así foi o meu primeiro encontro con Ana, unha entidade atenta e moito menos tempestuosa que a que hoxe azouta Galicia.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS