Capitana Marvel, a película máis prometedora de Marvel Studios

O Capitán Marvel era un personaxe moi tópico, que curiosamente tivo unha época na que intercambiaba o seu corpo con Rick Jones (lembrando a Thor ou ao propio Capitán...

O Capitán Marvel era un personaxe moi tópico, que curiosamente tivo unha época na que intercambiaba o seu corpo con Rick Jones (lembrando a Thor ou ao propio Capitán Marvel de DC cando berra Shazam), pero que gozaba do respecto dos afeccionados dende o momento no que Jim Starlin decidiu matalo de cancro. Por fin un personaxe importante que morría de verdade para non resucitar aos poucos meses! Aínda conservo en perfecto estado a novela gráfica de Forum titulada La Muerte del Capitán Marvel na súa edición de 1991, cando custaba unha esaxeradísimas 825 pesetas (daquela era bastante para un cómic, pois as series custaban 175 pesetas e os retapados 400).

Loxicamente a marca era demasiado potente para deixala morrer, e houbo outros personaxes que colleron o manto do Capitán, aínda que curiosamente a primeira persoa en suceder ao heroe Kree foi Monica Rambeau, personaxe cuns poderes e unha aparencia moi diferentes, que moitos lembrarán pola súa participación as Secret Wars orixinais. Máis adiante adoptaría outros nomes como Photon, Pulsar ou Spectrum.

Seguiron a Rambeau outras encarnacións menos relevantes, e non sería até 2012 cando decidiron que a súa versión feminina, Carol Danvers, coñecida como Binaria, Warbird e Ms. Marvel, decidise adoptar o nome de Capitana Marvel, dando comezo ao que posiblemente fose a mellor etapa que tivo o personaxe en toda a súa historia, especialmente grazas ao traballo da guionista Kelly Sue Deconnick.

Saber que estes últimos cómics ían ter adaptación cinematográfica foi unha grande ledicia, e aínda que inicialmente semellaba que a Marvel ía ter moita cautela coa produción, dá a impresión de que co éxito de Wonder Woman na pantalla grande decidiron realizar un esforzo adicional e converter a este personaxe nunha peza chave do universo Marvel cinematográfico.

Agora que por fin temos o seu primeiro tráiler, coido que o único que podemos facer é aplaudir coas orellas.

Dá a impresión de que esta aventura da Capitana Marvel nos anos 90 vai ser relativamente orixinal, reinventando a orixe do personaxe (que, por outra banda, na banda deseñada é un lío de coidado), pero collendo os elementos que máis gustaron  nos últimos anos.

O pase de diapositivas require JavaScript.

No tráiler podemos ver a unha Carol Danvers piloto de aviación, a unha Carol movéndose polas instalacións de SHIELD, a unha guerreira kree e tamén á súa versión superheroica. Esa cantidade de faces dan a entender que teremos un personaxe profundo, o que non será un freo para grandes secuencias de acción, aparicións de vellos coñecidos (como versións rexuvenecidas de Coulson e Furia) e, como non, uns inimigos míticos, os Skrulls.

Cómpre lembrar que os Chitauri da primeira película dos Avengers eran realmente unha versión de garrafón dos Skrulls, que non podían empregarse nos filmes de Marvel Studios porque pertencían ao universo dos 4 Fantásticos (controlados pola Fox). Agora que xa non hai ese problema, podemos ter por fin aos alieníxenas considerados como inimigos naturais dos Kree, polo que a historia será moito máis do agrado dos que levamos décadas lendo sobre o enfrontamento entre ambas razas extraterrestres.

Os Skrulls serán a invasión a evitar na Terra, pero pola banda dos Kree tamén é de esperar que haxa bastantes problemas, e que a historia que fai que Carol Danvers pasa de ser unha integrante dun corpo de elite Kree a ter poderes e cores de seu seguro que agocha algunha sorpresa moi de agradecer.

En definitiva, que o pero de Capitana Marvel é que haberá que agardar ao 8 de marzo de 2019 para poder vela nos cines.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Queremos tarifas planas de banda deseñada?

    Non hai dúbidas en que estamos chegando a un momento no que as plataformas de subscrición para acceder a contidos baixo demanda saturan a calquera, sendo impensable que un...
  • Os Vingadores non iniciaron o lume

    A capacidade de mobilización que teñen os grandes programas de televisión nos EE.UU. non deixa de sorprender, principalmente porque manteñen o seu pulo no tempo, cando en España hai...
  • Han Solo estrea tráiler

    O 25 de maio chegará aos cines o filme HAN SOLO: Una Historia de Star Wars, e a cousa mete bastante medo, porque até hoxe non puidemos ver o...
  • Colección friki dun espectador da Galega

    Hai uns días déuseme por recompilar algunhas das películas e series de televisión en DVD, figuras, e outras curiosidades que teño por casa para demostrar que criarse vendo a...