FreedomPop: o operador móbil case de balde

Dende hai unhas semanas é posible contratar dende España cunha compañía de telefonía móbil chamada FreedomPop que promete telefonía móbil de balde. Demasiado bonito para ser certo? Algo así....

Dende hai unhas semanas é posible contratar dende España cunha compañía de telefonía móbil chamada FreedomPop que promete telefonía móbil de balde. Demasiado bonito para ser certo? Algo así. Para comezar hai que detallar que a compañía cobra 9,99 euros de cota de activación e 1,99 euros de gastos de envío, ou sexa, que como mínimo temos que pagar 11,98 euros para ser clientes de FreedomPop, co que recibimos unha tarxeta SIM coa que podemos gozar do plan 200 Básico, que ofrece realmente de balde 300 mensaxes de texto e 200 MB de datos ao mes, cun par de detalles a matizar: o tráfico xerado a través de WhatsApp é de balde (o que no caso español fai que esta compañía resulte moi atractiva) e tamén se inclúen 100 minutos de voz sobre IP (ou sexa, que a chamada realízase a través da Internet, cunha calidade inferior á dunha chamada telefónica ordinaria).

Deste xeito temos unha compañía que conta cunha oferta de balde que pode resultar moi atractiva para os que simplemente queren estar localizados a través de WhatsApp, xa que na práctica non pagarían máis que os 11,98 euros iniciais, pero no resto de casos habería que botar contas, dado que o operador ten máis plans e servizos que cómpre detallar:

Plans e servizos de FreedomPop

As ofertas que parten de 8,99 euros/mes poden resultar moi atractivas por incluír chamadas ilimitadas (máis barato, por exemplo, que o bono de 12,5 euros/mes de Simyo), pero resulta que se queremos ter chamadas de voz de verdade (ou sexa, que usen a rede de telefonía móbil en vez dunha aplicación) habería que pagar polo servizo FreedomPop Premier (4,99 euros/mes) de xeito que habería que pagar 13,98 euros/mes por unha tarifa plana de voz con 2 GB de datos (que con Simyo custaría 23 euros/mes).

Comezamos así a verlle os peros a FreedomPop: para ter chamadas de calidade hai que pagar 4,99 euros mes, servizos como as alertas de uso cando imos superar o tráfico contratado ao mes (o exceso cóbrase) ou a caixa de voz páganse aparte, e incluso intentan colar un servizo de acumula datos que para a meirande parte dos usuarios non serve para nada (e que, como moitas cousas, é doado contratar sen querer por culpa de que ofrecen un período de proba dun mes). Na miña opinión para un usuario ordinario o único que interesaría contratar aparte dos minutos/datos que precisemos cada mes sería o servizo Premier para ter voz por GSM, xa que as probas que fixen de VoIP tanto a través dos datos de FreedomPop como a través da Wi-Fi de casa os meus interlocutores falaban de que se escoitaba baixo e con cortes.

tarxeta de FreedomPop

A quen recomendaría eu FreedomPop? Hai varios escenarios nos que pode resultar atractivo o operador, como para quen queira ter un número móbil dentro de casa (por exemplo, nunha tableta conectada á rede por Wi-Fi), pero eu entendo que resulta moi interesante para xente que se mova xeograficamente (ten roaming de balde en 25 países) e, especialmente, para quen teña un smartphone con dobre SIM. Deste xeito, cando queiramos reducir ao mínimo o noso consumo de datos da nosa liña principal podemos desactivarlle os datos e pasar a usar os datos da de FreedomPop para poder gozar tanto dos 200 MB que dan de balde ao mes como para usar o WhatsApp ilimitado (que vai bastante lento, pero para intercambiar textos e fotos é dabondo). A grande vantaxe de usar FreedomPop nun móbil dual SIM é que podes usar o WhatsApp co teu número de móbil de sempre, e non é preciso que os teus contactos coñezan o número do novo operador (xa que até finais do verán non permitirán portabilidades).

Coido que a máis dun pode virlle ben un servizo deste tipo (especialmente durante o verán) xa que, aínda que nin o WhatsApp vaia coma un lóstrego, nin o servizo de voz teña unha grande calidade, os prezos son tan axustados (tenden a 0) que son difíciles de resistir, e permítennos así estar comunicados por WhatsApp sen ter que andar a contratar bonos adicionais de datos durante os días nos que tendemos a estar fóra da casa.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS