Hai un par de semanas comentei que Dark Horse ía perder os dereitos de edición da franquía de Star Wars, que agora pertencía á Disney, polo que o normal sería que os dereitos pasasen ás mans da Marvel (compañía que xa publicara os comics da franquía creada por George Lucas no pasado), e aínda que os que mercasen os volumes de Dark Horse (en papel ou dixital) poderán seguir a gozar dos mesmos, vimos de quedar algo tranquilos ao ver como a Marvel decidiu estrear tal catálogo de banda deseñada a través de ComiXology (a súa plataforma dixital oficial en fala inglesa), o que permítenos mercar os exemplares en dixital (agora a prezo completo e non cos descontos de despedida de Dark Horse).
Admito que temía que a Marvel pasase olimpicamente de manter todos eses comics no seu catálogo, xa que a Disney decidiu que o universo expandido de Star Wars xa non é canon, ou sexa, que a meirande parte das aventuras narradas na banda deseñada nunca tiveron lugar oficialmente, o que decepcionará a moitos lectores.
Nova colección para vender a mazo
Como agora toca abrir unha nova etapa, dende Marvel cren que van conseguir pór de moda os comics de Star Wars, e o vindeiro día 14 van estrear o primeiro número dunha colección da franquía, cos personaxes da triloxía orixinal, e que prevén que poida converterse no cómic máis vendido dos últimos vinte anos chegando até o millón de copias.
Dende Entertainmet Weekly adiantan algunhas das súas páxinas, e as pintas non son nada malas, aínda que as estimación de vendas resulten un tanto esaxeradas (supoño que meterannos o cómic até nos informativos de televisión para que o merquemos a cegas). Iso si, os incondicionais da saga seguro que pasan pola tenda, así como os moitos novos seareiros que están impacientes por ver o que depararán os novos filmes da franquía.
Debe estar conectado para enviar un comentario.