A partir de hoxe, Rede e Liberdade

Consideramos imprescindible a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentable polos seguintes motivos: 1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático...

Consideramos imprescindible a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentable polos seguintes motivos:
1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.
2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.
3.-Establece un procedemento punitivo á carta para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delito, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.
4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía.
Ademais a normativa introducirá o concepto de lucro indirecto, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque promociono un que promociona outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos.
5.-Lembramos que a propiedade intelectual non é un dereito fundamental, contrariamente ás declaracións do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O que é un dereito fundamental é o dereito á produción literaria e artística.
6.-De acordo coas declaracións da Ministra de Cultura, esta disposición utilizarase exclusivamente para pechar 200 webs que presuntamente están a atentar contra os dereitos de autor. Entendemos que se este é o obxectivo da disposición, non é necesaria, xa que coa lexislación actual existen procedementos que permiten actuar contra webs, incluso con medidas cautelares, cando presuntamente se estea a incumprir a legalidade. Polo que non fica senón recear das verdadeiras intencións que a motivan xa que o único que engade á lexislación actual é o feito de deixar a cidadanía nunha situación de grave indefensión xurídica no contorno dixital.
7.-Finalmente consideramos que a proposta do goberno non só é un dilapidamento de recursos senón que será absolutamente ineficaz nos seus presuntos propósitos e deixa patente a absoluta incapacidade por parte do executivo de entender os tempos e motores da Era Dixital.

A disposición é unha concesión máis para a vella industria do lecer en detrimento dos dereitos fundamentais da cidadanía na era dixital.

A cidadanía non pode permitir de ningunha maneira que sigan os intentos de vulnerar dereitos fundamentais das persoas, sen a debida tutela xudicial efectiva, para protexer dereitos de menor rango como a propiedade intelectual. Dita circunstancia xa foi aclarada co ditado de inconstitucionalidade da lei Corcuera (ou lei da patada na porta). O Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet, apoiado por máis de 200.000 persoas, xa avanzou a reacción e demandas da cidadanía ante a perspectiva inaceptable do goberno.

Rede sustentablePara impulsar un definitivo cambio de rumbo e coordinar unha resposta conxunta, o 9 de xaneiro constituíuse a Red SOStenible unha plataforma representativa de todos os sectores da sociedade civil afectados. O obxectivo é iniciar unha ofensiva para garantir un regulamento do contorno dixital que permita expresar todo o potencial da Rede e da creación cultural respectando as liberdades fundamentais.

Neste sentido, recoñecemos como referencia para o desenvolvemento da era dixital, a Carta para a innovación, a creatividade e o acceso ao coñecemento, un documento de síntese elaborado por máis de100 expertos de 20 países que recolle os principios legais fundamentais que deben inspirar este novo horizonte.

En particular, consideramos que nestes momentos é especialmente urxente a implementación por parte de gobernos e institucións competentes, dos seguintes aspectos recollidos na Carta:
1.-Os artistas, como todos os traballadores, teñen que poder vivir do seu traballo (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B. “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta);
2.-A sociedade necesita para o seu desenvolvemento unha rede aberta e libre (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo D, “Acceso ás infraestruturas tecnolóxicas”, da Carta);
3.-O dereito a cita e o dereito a compartir teñen que ser potenciados e non limitados como fundamento de toda posibilidade de información e constitutivo de todo coñecemento (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo A, “Dereitos nun contexto dixital”, da Carta);
4.-A cidadanía debe poder gozar libremente dos dereitos exclusivos dos bens públicos que se pagan co seu diñeiro, co diñeiro público (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo C, “Coñecemento común e dominio público”, da Carta);
5.-Consideramos necesaria unha reforma en profundidade do sistema das entidades de xestión e a abolición do canon dixital (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B, “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta).

Por todo isto hoxe iníciase a campaña INTERNET NON SERÁ OUTRA TELE e levaranse a cabo diversas accións cidadás durante todo o período da presidencia española da UE.

Consideramos particularmente importantes no calendario da quenda de presidencia española o II Congreso de Economía da Cultura (29 e 30 de marzo en Barcelona), Reunión Informal de ministros de Cultura (30 e 31 de marzo en Barcelona) e a reunión de ministros de Telecomunicacións (18 a 20 de abril en Granada).

A Rede ten previsto reunirse con representantes nacionais e internacionais de partidos políticos, representantes da cultura e delegacións diplomáticas.

Asinado
Red SOStenible (rede sustentable)

Red SOStenible somos todos e todas. Se queres adherir este texto, fusílao e espállao coma consideres oportuno, coma fixen eu tras ler o blogue de Tati Mancebo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Enredando nas noites de Luar

    Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa...
  • A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

    Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • PSY segue moi vivo

    Hai moito tempo que o rapeiro PSY non ten un superéxito en YouTube, pero iso non quere dicir que desparecerse ou que estivese quieto, senón que é moi complicado...