Marvel estrea unha aplicación dende a que venden os seus comics traducidos ao español

Levo varios anos dicindo que non entendía por que as aplicacións de lectura de comics de Marvel e DC no incluían unha capa coa tradución do texto en distintos...

marvel_dixital_internacional_01

Levo varios anos dicindo que non entendía por que as aplicacións de lectura de comics de Marvel e DC no incluían unha capa coa tradución do texto en distintos idiomas do mesmo xeito que as películas en DVD inclúen subtítulos (tecnicamente é moi doado de facer, pois chega con axuntar unha imaxe transparente en GIF ou PNG), e entendía que non querían facer tal para non agredir ás editoras internacionais que distribúen as súas obras en papel, e por iso hoxe treméronme as pernas ao recibir un e-mail no que Marvel Entertainment anunciaba o lanzamento dunha nova aplicación para iOS que inclúe comics traducidos a 12 idiomas entre os que figura o español.

marvel_dixital_internacional_04

Estamos ante unha decisión que vai dar moito que falar nos vindeiros días, pois pode acelerar enormemente a adopción do cómic dixital en España, e supor a longo prazo a desaparición das cada vez menos tendas especializadas en banda deseñada, pois desaparecerá a necesidade de ter que desprazarse ata un establecemento físico para poder gozar das nosas viñetas favoritas. É ridículo que falemos de conceptos nostálxicos como o tacto e o cheiro do papel, non hai dúbida que vai desaparecer dos estantes das novidades (outro cantar serán os tomos recompilatorios de calidade, que posiblemente poidan manterse bastantes anos como pezas de coleccionismo). A dúbida non é se os comics de grapa van pasar a historia, senón cando.

Entendo que en poucas semanas DC Comics fará un paso semellante ao de Marvel (ambas compañías tamén publican en comiXology) e tamén seguen sen aclarar se nas aplicacións globais terán as novidades no mesmo día que o seu lanzamento nos EE.UU. como fan coa edición en inglés (dubídoo moito, pois iso si sería unha estocada de morte para as editoriais locais, pois poucos lectores esperarían varios meses para ler un cómic que poden mercar cun simple clic). Polo momento só hai uns poucos arcos argumentais dispoñibles na aplicación Marvel Cómics Global (si, o nome ten unha falta ortográfica).entre os que destacan sagas como Guerra Civil, Invasión Secreta e El Miedo Mismo, polo que podemos ver a nova aplicación como unha oportunidade para facerse con algunhas da historias máis representativas do Universo Marvel dos últimos anos.

marvel_dixital_internacional_03

Posiblemente o peor da nova de Marvel é que a compañía elixida para manter a nova aplicación móbil non é comiXology, senón iVerse, de xeito que quedamos cun lector de comics bastante malo, sen a definición de imaxe á que nos tiña afeitos o seu competidor e sen a popular navegación por viñetas (que parecíame unha idea moi boa para cando lemos en pantallas de pequeno tamaño).

¿Será este o principio do fin das tendas de comics? ¿Conseguirán que os lectores da vella escola dean o salto ao dixital antes de rematar a presente década? En combinación co cine, ¿conseguirán estas plataformas de distribución dixital achegar a novos lectores? As dúbidas son moitas, pero o que vexo claro é que o futuro será dixital.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS