Coido que quen máis ou quen menos tivo algunha vez nas mans un dos exemplares que formaban parte da colección de libros Biblioteca Básica Salvat, que recollía moitos clásicos literarios a literatura tanto española como global, e que podemos atopar perdidos nos estantes dos nosos fogares e en numerosas tendas de segunda man (supoño que a tiraxe foi millonaria como para que queden tantos volumes espallados polo mundo) e algo semellante debeu de pasar no mercado anglosaxón coas coleccións clásicas de Penguin Books, que son toda unha icona ou, como mínimo, a xente identifícaos con facilidade, de aí que me parecese unha xenialidade unha idea do neoiorquino James Bit, que está a vender a través de Etsy unhas cubertas personalizables para poder disfrazar os nosos videoxogos favoritos de libros de Penguin, aínda que substituíndo o pingüín polo mando dunha consola Atari 2.600.
Estamos ante un detalle que tanto permite gardar os xogos dun xeito discreto á vez que é unha grande frikada. A idea tamén podería trasladarse a películas en DVD e Blu-ray, podendo conservarse así coleccións moi curiosas, aínda que se eu me animase a facer algo así, de seguro que clonaría a estética de Salvat, que aínda que é máis fea, sentiríaa como máis auténtica (e o reto de ter que numerar os xogos ou as películas do 1 ao 100 tamén tería o seu aquel).
Debe estar conectado para enviar un comentario.