Os de Nokia están a atinar co xeito de dar a coñecer as bondades do seu Lumia 920, e como mostra o vídeo que veñen de publicar nos EE.UU. no que podemos ver o que faría co dispositivo un cativo de 5 anos sen supervisión paterna.
Aínda que é evidente que a supervivencia do móbil ás agresións ás que o someten é cuestión de sorte (se o deixas caer dende unha altura de 2 metros pode sobrevivir, pero se o impacto é nun punto e nun ángulo determinado o móbil pode escachar, como acontece incluso cos dispositivos destinados a uso militar) o feito de que estean a destacar a resistencia do terminal é algo que non deberiamos ignorar. Moitos usuarios están a ter cada vez máis en conta ese factor, o que tamén
aproveitan fabricantes como Sony (que presume da resistencia á auga do Xperia V).
Resulta evidente que as necesidades de cada usuario son distintas, e non son iguais as esixencias dun friki tecnolóxico que vive na cidade e ten un traballo de oficina, que a dun traballador da construción ou alguén que viaxe moito. Elementos como a resistencia ou a autonomía poden ter un valor chave á hora de decidir por un móbil ou outro, deixando claro que non existe o móbil ideal, xa que cadaquén ten unhas necesidades distintas. Deamos grazas pola diversidade que actualmente temos no mercado.
Debe estar conectado para enviar un comentario.