Nokia Lumia 800: unha nova esperanza

Estamos ante unhas semanas moi movidas no sector tecnolóxico, pois aparte do lanzamento do iPhone 5, temos tamén a chegada a España do Nexus 7, a posible presentación de...

Estamos ante unhas semanas moi movidas no sector tecnolóxico, pois aparte do lanzamento do iPhone 5, temos tamén a chegada a España do Nexus 7, a posible presentación de Android 4.2 xunto cun hipotético LG Nexus 4 e, a finais de mes, a chegada oficial de Windows 8 (sistema operativo que xa ten versión de proba para axudar a decidir se aproveitar a oferta de actualización dende Windows XP/Vista/7 por só 29,99 euros), o que Microsoft aproveitará para estrear uns días despois o Windows Phone 8, sistema operativo que estará presente en terminais como o Nokia Lumia 920/820, HTC Windows Phone 8X/8S ou Samsung ATIV S, o que suporá sangue fresco no sector móbil, e que ampliará moito a oferta de solucións neste ámbito de cara á campaña de Nadal agora que o smartphones están normalizados no mercado e as BlackBerry están fóra de xogo (algo que pretenden mudar en 2013).

Polo momento aínda é cedo para sacar conclusións sobre a nova plataforma de móbiles de Microsoft, pero eu son moi optimista ao respecto, considerando en que poden converterse nos móbiles máis atractivos despois dos de Apple, conseguindo afastarse dos dispostivos actuais ao adoptar unha interface totalmente diferente que xa non está baseada en iconas, o que agradecerán especialmente os usuario sque non estiveran afeitos a iOS ou a Android.

Un dos motivos polos que o meu parecer sobre Windows Phone é tan bo é porque no mes de abril Nokia cedeume un par de semanas un Lumia 800, para que puidese probalo a fondo. No meu parecer é un móbil magnífico, que actualmente pode conseguirse a prezos de ganga (é cousa de buscar ben), e que non o vin como un terminal para min porque aínda tiña certas eivas que finalmente superararán os seus sucesores.

Os puntos fortes do Nokia Lumia 800

O móbil de Nokia destaca por moitas cousas, que poden verse de xeitos moi subxectivos, pero que en liñas xerais conforman un dispositivo digno de mención como un deseño moi elegante e atractivo (herdado do Nokia N9), unha pantalla de grande calidade e boa luminosidade (aínda que non fai milagres, vese bastante ben en exteriores, e as súas cores están bastante ben), unha autonomía bastante boa (utilizándoo como teléfono principalmente a batería superoume sobradamente os 5 días), o seu funcionamento como teléfono é moi bo (especialmente na calidade do son, incluso empregando o altofalante), a súa construcíón parece moi sólida (aínda que para os temerosos inclúe unha funda de silicona que se axusta como unha luva ao móbil e resulta case indistinguible da carcasa orixinal, o que é todo un puntazo), o seu tácto resulta agradable e a súa cámara fotográfica de 8 Mpíxeles é magnífica, como podedes comprobar coa fotografía que tomei dende a delegación da Radio Galega na Coruña:

Outro detalle moi de agradecer é que, aparte de ter os botóns laterais para modificar o volume, tamén ten un botón lateral para activar a cámara do móbil, de xeito que funciona como unha cámara fotográfica compacta, axilizando moito o disparo de fotografías ocasionais evitando os moitos pasos que hai que dar nalgúns smartphones.

O Nokia Lumia incorpora unha serie de aplicacións desenvolvidas por Nokia coa axuda de Microsoft que resultan rechamantes, como unha emisora de radio a través da Internet (vén a ser unha especie de Spotify por categorías no que descubrir música dende o móbil), o excelente servizo de Mapas de Nokia (que incluso poden descargarse na memoria interna do móbil para poder consultalos onde non teñamos acceso á Internet) e a aplicación de navegación Nokia Conducir á que non lle falta ter guía por voz en galego, prestación que non lembro ter visto en ningún outro móbil (pero que si teñen algúns navegadores GPS autónomos). De feito, teño a esperanza de que, ao igual que acontece con algúns móbiles con Android, poidamos gozar do Windows Phone en galego no futuro.

Detalles criticables

Pero non todo son virtudes no Lumia 800. No momento que o probei eu carecía da posibilidade de compartir a súa conexións 3G a través de Wi-Fi a xeito de punto de acceso sen fíos (algo que corrixiron nunha actualización), o seu sistema operativo actualizarase a Windows Phone 7.8 pero non a Windows Phone 8 (o que fai que non sexa un dispositivo con moito futuro para os que gusten de fozar moito con aplicacións e servizos), a súa batería interna é fixa (a posibilidade de poder cambiar de batería como fago co meu Nexus One é unha pasada, que permite viaxar coa tranquilidade de que o móbil non vai deixarte tirado, xa que podes levar unha batería adicional no peto do abrigo), para sincronizar o móbil co ordenador hai que utilizar a aplicación Zune (tan molesta como usar iTunes nos iPhone, aínda que cada vez este tipo de sincronizacións dependen máis da nube, polo que estamos principalmente nunha molestia limitada a moi poucas ocasións), a súa capacidade de almacenamento interno aínda que suficiente (16 Gb) non pode ampliarse mediante tarxetas microSD (o que para min non é un problema de capacidade, senón de migración, pois para moita xente cambiar a tarxeta de memoria dun móbil a outro tamén é un xeito de levar as fotografías e os vídeos a un novo terminal), a súa resolución de pantalla (800 x 480 pìxeles) podería mellorarse (o que tamén acontece co futuro Nokia Lumia 820) e, para concluír, resultábame especialmente molesto que o conector de carga do móbil estivese agochado tras unha tapadeira que se abría para fóra (protexer os conectores está ben, pero era mellor que a tapa  fose deslizante en vez de abatible).

Conclusións

O Nokia Lumia 800 é un móbil dunha calidade innegable e unha aparencia moi atractiva, que resulta moi axeitado para quen quere ter un móbil conectado á Internet cunha boa cámara sen complicarse co funcionamento de Android. Recomendaría a súa compra se non fose porque o mes que vén saen o Nokia Lumia 820 (un móbil semellante ao Lumia 800 en prestación, pero con máis músculo para poder tirar do Windows Phone 8) e o Nokia Lumia 920 (o móbil que aspira a ser o novo tope de gama dos smartphones, ocupando un podio virtual acompañado polo iPhone 5 e o Samsung Galaxy S III).

Tal boas foron as sensacións que me deixou o Lumia 800 que coido que vou pasar de Android a Windows Phone 8, de aí que adíe o cambio de móbil ao mes de decembro, para deixar que cheguen os novos terminais ao mercado (o goteo comezará o 29 de outubro) e poida comparar as súas prestacións. Teño ao Lumia 920 no punto de mira, pero non esquezo as propostas de Samsung e HTC, que cada unha ten as súas vantaxes. Procurarei falar do asunto nos vindeiros días, pois coido que hai moita xente que terá o mesmo dilema.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...