Móbiles para gravar vídeo

Estou impresionado co último vídeo no que demostran a calidade de gravación da cámara do Nokia Lumia 920, non só porque grave en alta definición con boa nitidez, senón...

Estou impresionado co último vídeo no que demostran a calidade de gravación da cámara do Nokia Lumia 920, non só porque grave en alta definición con boa nitidez, senón pola súa estabilización de imaxe, que é bastante boa, como pode comprobarse ao gravar a unha rapaza que vai en bici ¡dende outra bici! O vídeo intenta ser unha recreación do anuncio no que se daba a coñecer esta característica do novo móbil de Nokia, e que resultou ser máis falso que unha moeda de 3 caras, pois para a simulación do estabilizador de imaxe empregouse unha cámara de vídeo profesional, o que é comprensible por tratarse dun vídeo promocional, aínda que deberían telo avisado cun texto no anuncio:

Iso si, teño que admitir que ao ver o novo vídeo, aparte da calidade da estabilización de imaxe non podía parar de pensar en que a rapaza ía meterse un hostión contra un dos coches aparcados… e coido que non fun o único. Pero polo que comparto aquí este vídeo non é por iso, senón para chamar á reflexión sobre a evolución da gravación de vídeo.

Veredes, eu introducinme na gravación de vídeo cunha cámara de 8mm, que achegaba unha calidade moi semellante ao patético VHS, de xeito que quedaba moi por debaixo do potencial dos televisores, o que arranxaríase despois co miniDV, soporte que xa estaba á altura das pantallas de definición estándar, así como de soportes como o DVD. Poderiamos entender que esa calidade resultaría aceptable pero, aínda que poida parecer así na televisión, cando imos a un ordenador, e vemos os vídeos en alta definición a 720p e 1.080p comézanos a dar repelús ver contidos en definición estándar incluso en YouTube, pois afixémonos a calidades maiores. Polo momento estes formatos limitábanse a material profesional ou gravado con cámaras bastante decentes, pero nos últimos meses as cámaras dos móbiles están a dar uns altos impresionantes, que chegan en boa medida grazas ás tecnoloxías de estabilización de imaxe (tanto por software como mediante mecanismos ópticos), pois en terminais anteriores a gravación de vídeo mareaba bastante, o que parecen estar a solucionar pouco a pouco, de aí que non resulte nada sorprendente a pregunta que fan hoxe en Conversations by Nokia: ¿Canto tardaremos en ver unha película de cine gravada co móbil?

Non sei se tardaremos moito en ter móbiles con tal calidade, pero o que si entendo é que as cámaras fotográficas e de vídeo están a completar a súa absorción por parte dos móbiles, e só o segmento profesional parece librarse deste fenómeno integrador imparable. Ao final, a principal barreira para gravar vídeo co móbil e o audio, pero resulta que iso podería ter unha solución bastante doada, porque se algo está integrado en todos os móbiles actuais é o Bluetooth. Deste xeito aínda non pensaría no cine, e reformularía a pregunta de Nokia a: ¿Canto tardaremos en ver informativos de televisión feitos co móbil?

De feito, incluso habería sistemas de realización que de adoptar o móbil mellorarían substancialmente a súa calidade de imaxe, pois aínda están na definición estándar. ¿Como é posible que a meirande das canles de televisión que temos hoxe na TDT aínda emitan cunha calidade inferior aos vídeos que podemos ver nos smartphones? Vaia, que iso de “calidade YouTube” que se dicía hai anos para definir a vídeos moi pixelados e con pouca definición é unha expresión que quedou obsoleta e dentro de pouco non sorprenderá escoitar a algún mozo dicir que unha gravación é tan mala que parece emitida pola TDT.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...