Nokia Lumia 920: gravando vídeo

Como adiantei onte, hoxe toca falar dun dos puntos fortes do Nokia Lumia 920, a gravación de vídeo, para o que quero pór dous exemplos. Por unha banda temos...

Como adiantei onte, hoxe toca falar dun dos puntos fortes do Nokia Lumia 920, a gravación de vídeo, para o que quero pór dous exemplos. Por unha banda temos unha gravación duns galos a través dunha reixa, condicións nas que moitas cámaras perderían o foco ou amosarían unha imaxe moi movida, pero que a cámara do Lumia rexistrou con bastante calidade (puxen o vídeo sen alterar en MEGA, para os curiosos) e que fíxome bastante graza porque, sen querer, pillei unha reacción violenta dun dos galos (algo que non tería capturado nunca de non ser coa cámara dun móbil):

Pero a calidade da cámara queda aínda máis clara cando en Matogrande, a unha hora con pouca luz, agarro á vez o Nokia Lumia 920 e o Nexus One, e gravo a mesma secuencia para poder superpoñelas e amosar así o ben que funciona a cámara PureView con pouca luz e a maxia da estabilización óptica, que chega a corrixir movementos bruscos en vertical que facía intencionadamente (pero que tamén son moi útiles para cando gravas dende un vehículo, andando ou, simplemente, cun agarre pouco cómodo que non axude a manter firme o pulso):

A pouca calidade da cámara do Nexus One queda en evidencia, non sendo capaz nin de amosar unha imaxe nítida con pouca luz, nin de gravar dun xeito aceptable os obxectos en movemento,

mentres que o Lumia compórtase bastante ben.

A gravación con pouca luz é moi importante, pois é a condición habitual en interiores (aínda que non o pareza, en casa ou na oficina estamos habitualmente con moi pouca luz, só que os nosos ollos están afeitos, de aí que non sexamos moi conscientes diso), e moitos tamén gustarán de tal característica para poder gravar durante os momentos de troula nocturna, nos que dubido que haxa algunha cámara máis atinada que a do Lumia 920 (que non parece ter rival en smartphones con iOS, Android ou Windows Phone).

As probas fíxenas gravando a 720p, principalmente porque a pantalla do Lumia 920 é de 1.280 x 768 píxeles, polo que considerei que gravar a 1.080p era excesivo (aínda que a cámara compórtase ben a tal resolución). En vista das probas quedoume claro que para rexistrar un momento en vídeo é máis que suficiente, e as gravacións realizadas incluso poden verse dun xeito moi digno nun televisor en alta definición, facendo que as gravacións que hai uns anos faciamos con cámaras domésticas en cintas de miniDV queden en ridículo.

Hai uns 7 anos os móbiles gravaban vídeo a resolución QCIF (176 x 144 píxeles) e agora poden rexistrar vídeo a 1.920 x 1.080 píxeles con boa compresión e estabilización de imaxe… ¡iso si que foi un avance! Resulta patético que os móbiles cada vez fagan máis cousas con maior calidade, pero no que respecta aos servizos de voz a cousa non avanzase nadiña (aínda que si é certo que os móbiles cada vez captan mellor a voz, especialmente ao aplicar tecnoloxías de redución de ruído).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS