RetroCoruña 2012 (I): a exposición

Con nostalxia transpirando por todos os poros achegueime o pasado sábado ao Pavillón de Deportes de Saga, para visitar a 4ª edición de RetroCoruña, evento de referencia en Galicia,...

Toque nostálxico
Con nostalxia transpirando por todos os poros achegueime o pasado sábado ao Pavillón de Deportes de Saga, para visitar a 4ª edición de RetroCoruña, evento de referencia en Galicia, que xunto con ExpOtaku permítenos achegarnos a unha serie de ordenadores e consolas de videoxogos que podemos considerar como clásicos.
RetroCoruña 2012
O pavillón contaba cunha zona apartada para a proxección audiovisual, e unha parte central na que se repartían mesas para a compra de xogos, consolas e accesorios (para coleccionistas), artesanía inspirada na cultura do píxel (para todos os públicos), consolas para goce dos asistentes e unha impresionante exposición de equipos que superaban os 25 anos.
Ordenadores clásicos
Abrían a zona expositiva os ordenadores tipo Commodore 64, xunto con parentes próximos como o VIC20, o que era unha boa mostra do que poderiamos ver na seguinte mesa.
BBC Micro
Para min era especialmente rechamante a mesa na que estaban equipos pouco coñecidos como o ALICE, o ordenadores de Robotron e incluso a versión asiática do mítico BBC Micro, ordenador que no Reino Unido intentou sen éxito ocupar o lugar que finalmente conquistou o ZX Spectrum tal e como puidemos ver no filme televisivo Micro Men (que por desgraza aínda non editaron en DVD ou Blu-ray para poder conservalo dignamente).
Clons do Spectrum
Non faltaban algúns vellos clons do ZX Spectrum e mesmo un Dragon 32, polo que os seareiros dos ordenadores dos anos 80 podían atopar alí con bastante probabilidade o primeiro equipo ao que puideron pór as poutas enriba no seu día.
Libros do Spectrum
Pero non podemos esquecer que a edición deste ano de RetroCoruña estaba dedicada especialmente a celebrar o 30º aniversario do ZX Spectrum, polo que xa na entrada estaba dispoñible para a súa venda o libro de ilustracións de Azpiri do que falei por aquí hai uns anos e tamén o (que merquei no seu día en dixital, para poder gozar das súas imaxes en cor). Non piquei coas láminas de Azpiri… porque non teño onde poñelas, que se non…
Exposición de Spectrums
E do ZX Spectrum, ¿que podiamos ver alí? Pois dende os primeiros ordenadores coas teclas de goma, ata os seus accesorios, como os teclados numéricos externos, os adaptadores para conectar mandos ao equipo e incluso unha Gun-Stick que servía para pegar tiros en televisores de tubo. Eu mercara unha, e hai que admitir que non compensaba moito, pois tiña un catálogo de xogos moi reducido e un grande problema: as partidas remataban, non cando fallaba a puntería, senón cando comezaba a durmírseche o brazo de telo en alto tanto tempo (en serio).
Os derradeiros Spectrum

Pero o mellor de todo chegaba ao final da exposición, onde xunto a un grupo de revistas Micro Hobby (á que estaba subscrito) estaba un ZX Spectrum +2 dos grises (como o que tiña), xunto a un modelo negro (coñecido como +2A, pero sen indicar o A de xeito visible) e a un ZX Spectrum +3 (que tiña unidade de disco de 3 polgadas, das que permitían gravar un xogo por cada cara).
Eses equipos si que me trouxeron recordos, e foron os que marcaron 1987, sendo claros impulsores desa época na que a produción de videoxogos en España estaba á altura do consumo que se facía dos xogos, algo que hoxe está moi lonxe de acontecer (aínda que hai que recoñecer que temos unha produción maior do que pensamos).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Videoxogos de papel

    A nostalxia ten moita forza, e de cando en vez serve de inspiración para fermosas marabillas, como o vídeo de Eric Powers no que fixo un repaso da historia...
  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Queremos tarifas planas de banda deseñada?

    Non hai dúbidas en que estamos chegando a un momento no que as plataformas de subscrición para acceder a contidos baixo demanda saturan a calquera, sendo impensable que un...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...