Onte celebrouse no auditorio da Biblioteca de Galicia un acto para dar conta de que a Asociación PuntoGal fixo os deberes e presentou a candidatura do .gal, dominio de primeiro nivel que aspira a representar a lingua e a cultura de Galicia na Internet. Deste xeito, e se todo vai ben, en cousa dun ano igual marcus.es pasa a chamarse marcus.gal 😉
Pero, como neste espazo tendo a porme rosmón, quixera criticar certa cobertura mediática que se produciu co do .gal, da que non tiña constancia. Veredes, no evento non faltaron fotógrafos e cámaras de televisión, o que fíxose notar coa repercursión que tivo a presentación nos informativos, de xeito que falaron do acto no Telexornal da TVG:
Non se esqueceron de nós os de Correo TV (dende aquí unha aperta a Milucho, que foi a quen lle tocou cargar coa cámara ata a Cidade da Cultura):
E incluso deron conta do evento en V Televisión:
En vista diso, ¿como é que o diario La Voz de Galicia pasou de cubrir como é debido o anuncio do que podería ser un importante avance para a nosa cultura e lingua? O xornal limitouse a copiar e pegar unha nota da axencia EFE na súa páxina web, mentres que na edición impresa relegou a información a unha pequena columna lateral:
Iso pareceume francamente mal, pois no xornal apareceron outras novas sobre tecnoloxía moito menos relevantes, con chorradas como o teléfono con sensor de radiación que van lanzar no Xapón, espazo que podería terse aproveitado para dar a coñecer mellor o que suporá a estrea dun dominio de primeiro nivel na Rede que poida facer de estandarte da nosa comunidade.
De todos os xeitos, cada vez teño menos en conta o criterio editorial de La Voz, que é capaz de publicar 3 veces no mesmo día unha chorrada sobre o doodle de Google, nova que é totalmente de recheo:
¡Manda huevos! (de Fabergé)
Agardemos que no futuro non se repita o menosprezo á iniciativa do PuntoGal, pois os vindeiros pasos van ser moi relevantes, e que a cabeceira de prensa de referencia na nosa comunidade pase olimpicamente do tema non axuda.
De todos os xeitos, dende a Asociación PuntoGal estamos moi contentos por ter chegado a este punto, e no verán comezará o proceso no que se decidirán os dominios de primeiro nivel que poderán botar a andar en 2013 (que poden ser varios centos, mudando en parte o xeito de vermos a Internet). Agardamos estar entre os primeiros elixidos, para poder mellorar a nosa visibilidade na Rede e, de paso, levar a compañías como Microsoft ou Google a ter servizos en liña personalizados para a nosa comunidade sociolingüística.