Súmate ó PuntoGal: pon un banner na túa web

O pasado 13 de xuño na sede da Real Academia Galega tivo lugar a presentación dunha nova asociación para a promoción dun dominio de Internet .gal que correspondería a...

Asemblea Constituínte da Asociación PuntoGal
O pasado 13 de xuño na sede da Real Academia Galega tivo lugar a presentación dunha nova asociación para a promoción dun dominio de Internet .gal que correspondería a Galicia coma comunidade de fortes vencellos (lingüísticos, culturais, históricos e sociais).
Presentación da Asociación PuntoGal na Real Academia GalegaEste novo dominio, de acadarse, estaría no nivel de dominios esponsorizados de carácter cultural como xa aconteceu co dominio .cat que funciona dende hai poucos meses. Para acadar este último dominio foi fundamental a suma de tódalas vontades da sociedade civil e empresarial, así como das autoridades catalás, de xeito que abriron unha porta na ICANN para poder solicitar dominios semellantes no futuro (coma sería o noso) polo que dende a Asociación PuntoGal se procura unha aglutinación social semellante para poder presentar a solicitude do novo dominio coa representatividade debida, de xeito que a organización encargada da regulación de dominios tome en consideración a proposta que se lle presente.

¿Quén forma a Asociación?
PuntoGal é unha iniciativa que pretende achegar un dominio propio na Internet para a lingua e a cultura de Galicia, para o que se pretende xuntar a grupo moi numeroso e representativo de vontades para levar a cabo un proceso longo e tecnicamente complexo.
Nun primeiro momento a Asociación está promovida por 12 entidades que fixeron un traballo previo para chegar a unha Asemblea Constituínte cun proxecto esbozado e unha importante representación social para formalizar a Asociación PuntoGal cun número de entidades de peso, como foi así.
Os promotores da Asociación foron a Asociación de Editores de Galicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, a Asociación de Fillos de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, as Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC-GAL, a Mesa pola Normalización Lingüística, Vieiros e a Real Academia Galega (RAG).
Imaxe da Asemblea Constituínte da Asociación PuntoGalO sábado 10 de xuño celebrouse no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) a Asemblea Constituínte da Asociación PuntoGal, contando coa presenza de múltiples entidades que se sumaron ás promotoras como as universidades galegas, o CESGA, a asociación de televisións locais de Galicia Onda Nós, o Consello da Avogacía Galega, ou Código Cero (onde choio). Trazáronse alí as liñas iniciais a seguir, aprobáronse os estatutos da Asociación e nomeouse a unha Xunta Directiva que quedou coma segue:

  • Presidencia: Manolo González (Real Academia Galega)
  • Vicepresidencia: Camilo Regueiro (Idesga – Galego21.net)
  • Tesourería: Lois Rodríguez (Vieiros)
  • Secretaría: Darío Janeiro (Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia)
  • Vogalías: Sergio Aramuru (Consello da Avogacía Galega), Marcus Fernández (ISOC-GAL), Antonio López (A.E.T.G) e un representante do xornal Galicia Hoxe.

Promover o PuntoGal
Para acadar o dominio galego a Asociación preparará informes para presentar ante a ICANN a xeito de candidatura que podería ter que presentarse no vindeiro mes de xaneiro (cando se agarda que se abrirá o prazo para a presentación de novas solicitudes de nomes de dominio de Internet) pero, a parte disto, tamén se realizará unha labor de promoción interna, de xeito que en Galicia se teña consciencia do que se está a facer, para sumar así novas adhesións a Asociación, pois permanecerá aberta a tódalas entidades que queiran aportar algo a esta interesante iniciativa.
Para colaborar e informarse sobre a Asociación PuntoGal e todo o proceso que se está a realizar o mellor que se pode facer e visitar a páxina web creada para tal fin e engadir á nosa web ou bitácora de Internet algún dos banners creados para a promoción do dominio galego na Internet para que Galicia acade un espazo de seu na Rede.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS