Estou impresionado pola xenialidade de Apple, pois decidiron que o mellor para non liala con números e letras como aconteceu co iPhone 4S, o mellor para suceder ao iPad 2 era chamar novo iPad ao que moitos pensabamos que ía chamarse iPad 3. ¡Reciclaxe de nome!
O peor de todo é que ten toda a lóxica do mundo, pois Apple normalemente mantén en catálogo a versión anterior dos seus móbiles e tablets reducíndolles o prezo en 100 euros, pero os dispositivos anteriores descatalóganse, ou sexa, que o vello iPad xa non existe para Apple, quedando o seu nome libre. Cómpre tamén destacar que a certos niveis, o número do modelo ignórase, e na web de Apple o iPad 2 aparecía directamente no mesmo sitio que antes ocupaba o iPad, ou sexa, que iso de engadir números é para o momento de facer o anuncio oficial, pero no día a día o iPad é o iPad e o iPhone é o iPhone, e iso de andar pendente das xeracións dos trebellos só o facemos os frikis.
Polo demais, confírmanse case todos os rumores sobre o novo iPad, que resúmense nunha pantalla caralluda, unhas cámaras moito mellores que as merdas que meteran no iPad 2 (veñen a ser como as do iPhone 4S) e unha evolución de 3G a 4G (LTE) no modelo con banda larga móbil (o que en España tráenos sen coidado, pois aínda non hai ningúen que ofreza Internet móbil a 72 Mbps). O resto de características son simplemente matices, pois está claro que o dispositivo terá que ir máis rápido para poder mover a nova pantalla, a autonomía non poderá mellorar (precisamente por culpa da pantalla e do novo procesador) e incluso o trebello engorda 0,6 milímetros ( ¡inaceptable! 😀 ).
Ver comparativa entre o iPad 2 e o novo iPad ▼
En definitiva, que o 23 de marzo teremos un novo iPad na cidade, que interesará a quen desexe ter unha mellor pantalla, mentres que moitos incluso poderán aproveitar a ocasión para adquirir un iPad vello ou un iPad 2 a un prezo axustado (deixando en difícil situación aos fabricantes que queren entrar neste negocio tan competitivo).
Debe estar conectado para enviar un comentario.