A xente de CTA Digital debe de querer superar aos fabricantes xaponeses á hora de lanzar produtos curiosos ao mercado, e entre os seus accesorios para iPad engadiu un par de complementos que noutro momento tomaríanse coma unhas bromas do Primeiro de Abril, pero que resultan ser totalmente reais, podendo adquirirse a través de Amazon.
Nun principio que CTA fabricase un pedestal para colocar o iPad pareceríame algo totalmente razoable, pois existen moitos usos para tal accesorio (para ler en público, para TPV, como punto de información…) pero ao engadirlle no seu pé un porta-rolos para o papel hixiénico coido que pasáronse bastante. Coido que é o equivalente á xente que colocaba un revisteiro
xunto ao retrete, o que é un tanto excesivo, pois unha cousa é ler o xornal cando un vai mandar unha carta certificada, e outra é adaptar o cuarto de baño para tal fin.
Pero o pedestal non é nada se o comparamos unha solución que CTA desenvolveu para os máis cativos: un ouriñal-pupitre que conta cun espazo para colocar o iPad. Ou sexa, que nun principio permite que os pequerrechos poidan empregar o tablet de Apple sen medo a que remate non chan, tanto cando están sentados comodamente nun asento integrado como cando están a facer as súas necesidades.
O pedestal está á venda por 44,99 dólares e o ouriñal, que ten o divertido nome de iPOTTY (iCagadoiro) véndese a 39,99 dólares, prezos que podemos considerar totalmente irrelevantes sen temos en conta o que custa un iPad, tablet que non creo que ninguén vaia considerar que sexa unha merda, aínda que sospeito que en moitos casos cheirará como tal.
Debe estar conectado para enviar un comentario.