Chega o iPad… ¡iCarballeira! (ai, carballeira)

Despois de moitísimos rumores nos últimos meses, Apple presenta finalmente o iPad, o seu novo produto estrela que, desafortunadamente, sorprende por non sorprender, e o único que tiña que...

iPad
Despois de moitísimos rumores nos últimos meses, Apple presenta finalmente o iPad, o seu novo produto estrela que, desafortunadamente, sorprende por non sorprender, e o único que tiña que amosar era un iPod Touch/iPhone xigante.
Estamos ante un trebello con pantalla multi-táctil de 9,7 polgadas, co sistema operativo do iPhone debeidamente adaptado e practicamente as mesmas prestacións, coa diferenza principal de que certas aplicacións (coma o reprodutor multimedia) teñen a aparencia da versión para ordenador en vez de contar con aparencia móbil, o que era evidente ao cambiar o tamaño da pantalla.
Este novo produto móvese nun perigoso terreo, pois chega en 3 capacidades de disco (16, 32 e 64 Gb) e Wi-Fi (¡vaites, coma o iPod Touch!), existindo tamén un modelo avanzado que incorpora tamén 3G, GPS e compás (¡coma o iPhone!), ou sexa, que pisa en certa medida a terminais de Apple actuais, pero, ao ter un tamaño superior, perdería a súa mobilidade. Ten o seu sentido, pero o seu público será bastante máis reducido.
Steve Jobs co iPadDebemos entender que o iPad non está pensado para a reprodución musical polo seu tamaño, pero resulta bastante práctico para a reprodución de vídeos (no que os americanos chaman alta definición pero que habería que matizar que falamos de vídeos a 720p* e non a 1080p), así como á lectura de e-books, revistas e páxinas web. Podería competir así co Kindle de Amazon (a través da nova aplicación iBooks), varias revistas e xornais anunciaron que lanzarían cadansúa aplicación para permitir unha visualización optimizada para o novo dispositivo (algo que considero un paso atrás, xa que pretenderíase pechar nun soporte determinado o que temos libre na web) e incluso sería de agardar que certos servizos que no pasado adaptáranse ao iPhone agora fagan o propio co iPad.
Sairá á venda en 60 días, e os seus prezos son os seguintes:
prezos do iPad
Supoño que en España o rango de prezos estaría entre os 449 euros e os 799 euros, de xeito que compensaría importar o trebello (pois venderase libre), pero dáme a impresión de que sae algo caro e con notables limitacións: carece de cámara, o seu sistema operativo non acepta aplicacións en segundo plano (para entrar nun programa hai que saír do que se ten aberto, o que nalgún momento é un putadón), carece de funcións de móbil (o que cheira a capada por software) e o seu navegador web segue sen soportar Flash.
Os interesados neste produto deberían agardar ao verán, pois poderían chegar outros tablets máis versátiles coma o Adam de Notion Ink a un prezo moi inferior. Tampouco podemos esquecer que nuns meses debería de saír un novo iPhone, que desta volta podería dar un importante paso adiante (mellorando a resolución da súa pantalla), deixando o iPad coma un produto obsoleto.
Así o venden os de Apple:

* A cousa aínda é peor se temos en conta que a saída de vídeo do iPad é a 480p e que a relación de aspecto da súa pantalla podería estar moi lonxe das 720p, xa que o ancho máximo é de 1.024 píxeles, de xeito que unha peli en 16:9 tería un alto de 576 píxeles… curiosamente o alto en píxeles dun vídeo en PAL a definición estándar.
Vaia, que dicir que o iPad permite alta definición é unha verdade a medias, pois significa que reproduce vídeos a 720p, non que os amose a 720p.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...