O problemón do iPad 3: os contidos

O mércores Apple vai dar unha conferencia na que espérase a presentación o iPad 3 (aínda que non sería raro que o chamasen iPad 2S ou iPad HD), que...

iPad 2
O mércores Apple vai dar unha conferencia na que espérase a presentación o iPad 3 (aínda que non sería raro que o chamasen iPad 2S ou iPad HD), que podería vir acompañada pola renovación do Apple TV (para soportar vídeo a 1.080p) ou incluso doutros produtos (dende un televisor de Apple co que moitos soñan dende hai anos.. ata novos portátiles MacBook Pro). A compañía da mazá vai telo complicado para sorprender, pois son tantos os detalles que están a filtrarse, que pouco van poder reservar para xerar un efecto WOW.
Algúns detalles que parecen confirmados:

– pantalla de 9,7 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (que de seguro que os de Apple empeñaranse en chamar pantalla Retina pese a ser de 264 dpi mentres que o iPhone 4 ten unha pantalla de 326 dpi)
– procesador A5S ou A6, ou sexa, máis forza bruta
– máis memoria RAM
– mellores cámaras
– aparencia externa case igual (podería ser lixeiramente máis gordo e cunha cámara traseira máis grande)
– soporte do sistema de recoñecemento de voz Siri

Entón, ¿qué tería de mellora o iPad 3 fronte ao iPad 2? Podiamos dicir que o principal será a pantalla, e o resto de melloras veranse canibilizadas pola mesma, pois para mover unha pantalla con tanta resolución será preciso ter máis memoria RAM e máis procesador, e incluso as aplicacións ocupará máis. Vaia, que pese a que será un dispositivo con moitas máis forza bruta, non se notará, pois a potencia adicional irá para atender a demanda que xera a pantalla de alta definición.
Si, tamén podería ter Siri, pero non teño nada claro que iso sexa unha funcionalidade interesante nun tablet (polo momento Siri tampouco fala español, así que mellor analizar esa característica cando chegue oficialmente a España).

Dá así a impresión de que, tras o salto importante que suporá a pantalla do iPad 3, o tablet bo sería o iPad 3S, que tería a nova pantalla, potencia adicional e moitas aplicacións adaptadas á alta definición, ou sexa, que a paciencia terá a súa compensación, pero ser un early adopter da alta definición en iOS está claro que terá os seus problemas (o mesmo pasou a quen mercou o primeiro iPad e tivo que quedar sen cámaras).

E logo, ¿onde está o problemón? Pois para min o problemón non está no salto tecnolóxico que suporá o iPad 3, senón nas súas consecuencias a nivel de contidos. Para comezar, a resolución de pantalla é lixeiramente superior a Full HD (1.920 x 1.080 píxeles), polo que non habería vídeos e a aproveitasen de xeito nativo; os vídeos de alta definición (1.080p) teñen tamaños moi grandes para as carencias dun dispositivo móbil (tanto en dispoñibilidade de conexións de alta velocidade como en capacidade de disco); os contidos na web están optimizados para pantallas de 1.024 píxeles de ancho, polo que ao verse na nova pantalla espérase que se aproveite a resolución extra nunhas tipografías máis nítidas pero cuns gráficos que cada vez parecerán máis cutres; e os gráficos dos xogos e aplicacións van a ocupar moito máis (dobrar resolución implica cuadriplicar área) e contribuirá á fragmentación de iOS (ter que adaptar unha aplicación ás resolucións de pantalla de iPhone 3GS, iPhone 4, iPad e iPad 3 pode dar demasiado traballo nalgúns casos).

Tamén temo que, aínda que o iPad 3 conte cunha pantalla de alta definición, moitos medios pasen olimpicamente de tal resolución, pois actualmente xa están a limitar a calidade das imaxes que publican na web para protexer os seus contidos. Hai que ter en conta que a pantalla do iPad 3 sería de 3 Mpíxeles, e unha imaxe de tal resolución podería ser reproducida incluso en papel cunha calidade bastante aceptable, o que dubido que interese moito a xornais e revistas, que terían a impresión de estar a regalar contidos (cando menos nas edicións web).

Haberá que agardar para ver o que pasa, pero inicialmente paréceme difícil que vaiamos ter unha vaga de contidos en alta definición para atender á chegada do iPad 3, polo que estariamos simplemente nun salto comparable ao da alta definición na televisión (a oferta de TDT en aberto continúa limitada a unha canle en probas, mentes que o resto só finxe dar contidos en HD).
Moitos tamén temerán que se agora unha pantalla de 9,7 polgadas ten máis resolución que un televisor de 40 polgadas, ¿terán que avanzar os televisores cara á ultra-alta definición (4K) pese a que a súa demanda sexa practicamente inexistente? Porque intentar suceder a unha tecnoloxía aínda sen consolidar parece suicida. ¿Ten sentido seguir a avanzar a definicións que non distinguen os ollos e que só beneficiarían a usuarios que poden permitirse pantallas xigantes?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS