Falando de videoxogos en A Solaina

Hoxe visitei a Sevi Martínez e Beatriz Manjón en A Solaina co gallo da proximidade da Noite de Reis, para falar do que serán algúns dos agasallos máis habituais,...

Hoxe visitei a Sevi Martínez e Beatriz Manjón en A Solaina co gallo da proximidade da Noite de Reis, para falar do que serán algúns dos agasallos máis habituais, os videoxogos:

Pasámolo bastante ben, e aínda que quedaron moitas cousas no tinteiro, gustaríame facer algúns apuntamentos para quen pille algún agasallo de última hora:
– A Nintendo 3DS é un agasallo caralludo este ano, pois aínda son poucos os que teñen a consola e comeza a ter un catálogo de xogos moi sólido. O meu xogo favorito para a consola é o Super Mario 3D Land, pero o Mario Kart 7, o The Legend of Zelda: Ocarina of Time e Street Fighter IV 3D Edition tamén son uns xogazos (es estes 2 últimos poden atoparse a prezos de ganga tirando de importación).
– Os trebellos como o iPod Touch ou o Samsung Galaxy S WiFi 3.6 (coido que o teñen de oferta en El Corte Inglés) están moi ben para os rapaces que piden un smartphone coma tolos, pois achégalles xusto o que querían do dispositivo, sen asumir compromisos de permanencia coas operadoras, aínda que para moitos haberá unha alternativa que tamén resultará moi atractiva: Tú. Falo o Operador Móbil Virtual de Tuenti, que ten móbiles en prepagamento bastante interesantes por xuntar prestacións avanzadas cun prezo moi atractivo.
– Para os que queiran un tablet, e o iPad 2 parézalles moi caro, unha das poucas alternativas que recomendaría sería o ARCHOS 80 G9, por ser un tablet con Android 3.2 (os que veñen con Android 2.x non achegan unha boa experiencia de uso) e un prezo bastante axustado (249 euros). Tamén hai a opción de adquirir tablets de grande marcas a prezos moi atractivos, xa que nas últimas semanas están a saldar moitos ante as dificultades de competir co iPad (pois coincidían en rango de prezos), pero nese caso eu optaría por agardar unhas semanas, pois están a chegar os primeiros tablets con Android 4.0, o que podería tirar os prezos dos que veñen con Android 3.x.

Para quen desexe agasallar por videoxogos para as consolas de videoxogos domésticas e ordenadores, diríalle que os xogos de referencia deste ano poderían ser:
– Para PC: Battlefield 3 (o xogo de guerra en rede definitivo para moitos), Football Manager 2012 (o herdeiro do PC Fútbol) e Star Wars: The Old Republic (para frikis que gusten de xogar en rede).
– Para PlayStation 3: Call of Duty: Modern Warfare 3 (tópico pero efectivo), FIFA 12 (por fin os xogadores caeron da burra e pasaron do Pro Evolution Soccer) e Uncharted 3: La Traición de Drake (que aínda que é peor que Uncharted 2 segue a ser un xogazo).
– Para Xbox 360: o Modern Warfare 3 e o FIFA 12 tamén funcionan ben na consola de Microsoft; entre os amantes do motor arrasa o Forza Motorsport 4, para os que teñan Kinect é un flipe o Dance Central 2 e para os que gusten de pegar tiros en rede está de pinga o Gears of War 3.
– Para Wii: o xogo estrela é o The Legend of Zelda: Skyward Sword (posiblemente o mellor xogo da historia para a consola de Nintendo), o imprescindible para roleiros é o Xenoblade Chronicles (que tamén pode mercarse cun mando vermello, o que mellora o seu atractivo como agasallo) e para as festas está a arrasar o Just Dance 3 que recomendo simplemente polo feito de incluír como tema Let’s Go To The Mall de Robin Sparkles:

E, para quen teña dúbidas, engadir que o xogo Batman: Arkham City é unha pasada en PC, Xbox 360 e PlayStation 3. Imprescindible para quen gozase do Batman: Arkham Asylum e sen dúbida o mellor xogo baseado nun personaxe de cómic que se fixo nunca.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS