O mes que vén Motorola vai achegar ao mercado o primeiro dispositivo tipo tablet que funcione co sistema operativo Android 3.0, o que poderiamos considerar coma o primeiro competidor real ao iPad, e que onte estreou anuncio durante a Superbowl:
Antes de que aparecese o spot na televisión falábase de que sería unha especie de parodia do primeiro anuncio de Apple (cunha rapaza rachando a pantalla do Big Brother) pero en realidade a referenza foi bastante máis suxerente, cun mozo lendo o libro 1984 no seu Motorola XOOM, para empregar logo o trebello como sistema de mapas e para ligar dun xeito creativo (ou sexa para ir contra a corrente, ou sexa, que dá a entender que os clientes de Apple actúan coma borregos). Sen dúbida unha promoción moito máis interesante que os típicos anuncios de Apple repasando a interface de uso dos seus trebellos, posto que de facer o mesmo Motorola o público non sería quen de diferenciar os produtos (pois en características, cando saia o presunto iPad 2, estarán case empatados).
Aínda que son un entusiasta do iPad, teño que recoñecer que, de contar con apoio dos fabricantes de software, os tablets con Android teñen moitas máis posibilidades (por exemplo, cunha multi-tarefa real, pois a de Apple é de risa), e a diversidade de produtos permitirá (dentro duns cantos meses) que cheguen dispositivos interesante a prezos que poderían estar no contorno dos 300 euros en vez de a partires dos 488 euros (e tendendo aos 600 euros).
Debe estar conectado para enviar un comentario.