Desinformación.com (e os dominios de primeiro nivel)

Entre os días 22 e 26 deste mes, París acolleu unha xuntanza de ICANN na que se avanzaría nos temas nos que levan un par de anos a traballar...

Entre os días 22 e 26 deste mes, París acolleu unha xuntanza de ICANN na que se avanzaría nos temas nos que levan un par de anos a traballar para a aceptación de novos dominios de primeiro nivel pero, misteriosamente tras unha entrevista ao presidente da Asociación, Paul Twomey, publicada en Les Echos varias axencias de novas comezaron a difuncir a nova de que se liberará totalmente a creación de nomes de dominios de primeiro nivel o que é unha solemne tontería que, de ser realidade, suporía a fin dun DNS viable (vaia, que non habería que puxese orde).
Así, titulares coma “Todo internauta podrá inventar su dominio” só se poden explicar por unha falta absoluta de rigor informativo.

Os nomes de dominio

Para facilitar a localización de contidos na Internet sen ter que utilizar números, existe un sistema de DNS que consiste en nomes separados por puntos, organizados xerárquicamente de dereita a esquerda. O elemento máis á dereita (.com, .es, etc.) é o que se coñece coma nome de dominio de primeiro nivel, e vai seguido por un segundo nivel (que no caso deste blogue sería marcus), que tamén podería ir seguido dun terceiro (miremos por exemplo cómo a web da Consellería de Educación está en edu.xunta.es).
Dado que o compoñente máis á dereita, o de primeiro nivel, é raíz na resolución dos nomes, é preciso centralizalos, de xeito que por unha banda temos os códigos de país (de 2 caracteres, coma .es, .de, .uk…) que se xestionan dende cada Estado e os dominios xenéricos ou gTLD.

Os primeiros dominios xenéricos

Aínda que normalmente falamos dos .com, o certo é que os dominios xenéricos iniciais foron moitos máis: .edu (entidadades educativas norteamericanas), .mil (o exército estadounidense), .gov (para entidades gobernanmentais estadounidenses) e 3 sufixos que non contaban con máis condicións para contratarse que estar libres e pagar por eles, coma son .com (destinado a uso comercial), .net (destinadas a servizos orientados á Rede) e .org (para asociacións).
O que pasou con estes dominios é que os .com foron os máis frecuentes simplemente porque a Internet tomou carácter comercial (no mundo hai moitas máis empresas que asociacións sen ánimo de lucro, entidades educativas ou corpos militares). Pero ese éxito creou moitos conflitos, xa que facía que os nomes de dominios de segundo nivel co sufixo .com fosen limitados e, polo tanto, obxecto de especulación, de aí que moita xente pedise a diversificación de dominios de primeiro nivel.

Os novos dominios

Moitas entidades esixían a ICANN a creación de novos gTLD e finalmente en 2000 abriron un prazo de solicitude para a creación de dominios, de xeito que os solicitantes deberían defender a súa necesidade, garantir a súa viabilidade e administrar a súa xestión no futuro, aceptándose a creación de .aero, .biz, .info, .museum, .name e .pro, que se foron poñendo en marcha de xeito paulatino durante os 2 anos seguintes.
Nesta ocasión tamén se repite a historia de que uns dominios son libres e outros teñen condicións (.aero e .museum serían para entidades que tivesen que ver coa aviación e os museos, e os .name deberían reponder a nomes e apelidos, de xeito que se puidese adquirir o dominio nome.apelido.name, o que non tivo boa aceptación).

O rotundo fracaso destes novos dominios (que para o único que serviron realmente foi para pór freo á especulación cos nomes de dominio da Internet) non impediu que en 2004 a ICANN volvese a aceptar novos nomes de dominios de primeiro nivel, e finalmente aprobaron a creación de .cat, .jobs, .mobi, .post, .tel, .travel, dos que o .post aínda non está operativo, e teñen certas limitacións para a súa contratación (o .cat é para webs en catalán, as webs no .mobi deben verse axeitadamente en móbiles, etc.).

Precisamente coa vista posta no .cat é cómo nace a Asociación PuntoGal, ou sexa, para seguir os mesmos pasos que os anteriores promotores de dominios de primeiro nivel para ter un sufixo na Internet que identifique á lingua e cultura galegas, o que é un uso dos dominios de primeiro nivel que ven moi ven dende ICANN, pois conservaría a filosofía do resto de gTLD, e non entraría en conflitos territoriais nin de marcas.

Lembremos que para solicitar un dominio hai que ser unha entidade non gobernamental (sexa unha fundación, unha asociación ou unha empresa) pois de presentarse ante o ente con reivindicacións estatais a súa resposta sería moi doada: remitiríannos aos ccTLD, ou sexa, ao .es no caso de España.

¿Por qué non existe xa o .gal?

Pois simplemente porque ICANN aínda non volveu a abrir o prazo para presentar solicitudes de novos dominios coma fixeron en 2000 e 2004. Do que falaron o pasado xoves en París foi de continuar a prosperar no proceso de creación de novos dominios, pero non na liberalización absoluta como publicaron moitos medios.
Pero, ¿por qué é importante o que están a facer e lles está a demorar tanto? Pois simplemente porque queren crear un mecanismo que funcione a longo prazo. A idea que teñen é facer 2 ou 3 procesos de solicitude de novos dominios cambiando pouco a pouco as condicións a cumprir para a súa adxudicación, de xeito que comezarán esixentes e irán relaxando as normas ata chegar a un momento que consideren axeitado, para que os procesos de solicitude non sexan cada 4 anos, senón que sexa un proceso constante. Vaia, que queren racionalizar un proceso que actualmente é moi azaroso. Hai que entender que para iniciativas coma o PuntoGal é moi frustrante traballar para conseguir un dominio e non poder facelo realidade porque a fiestra de presentación de solicitudes está pechada 🙁

¿Para cando os novos dominios?

Dende ICANN aseguran que o novo proceso de creación de novos gTLD comezará no 2º trimestre de 2009 (pese ao que publicou a prensa, aínda non se aprobou nada sobre o asunto). Iso si, nun primeiro momento as condicións económicas que van a pór poderían ser demasiado esixentes, e se está a falar que podería ser preciso pagar uns 100.000 dólares para a concesión dun novo dominio de primeiro nivel, o que é unha pasta gansa, e podería facer que moitos candidatos agardasen a unha segunda quenda menos esixente, pois eses cartos só son unha candidade inicial, o mantemento dun sistema nomes de dominio non resulta barato e a venda de nomes de dominio é menos rendible do que pode parecer dende fóra (pensamos que non custa nada un nome, pois só é unha entrada nunha base de datos, pero hai que ter en conta que as estruturas non se manteñen soas no mundo das ideas).
Podemos agardar que o .gal (e outros dominios culturais) sexa un dos sufixos que opten a converterse en realidade, así como os correspondentes a grandes cidades (.berlin ou .nyc), e de aceptarse hai que ser conscientes de que ata 2010 ou 2011 non estarían operativos, polo que hai que ter paciencia.

¿E por qué .gal?

Hai anos se pedía para Galicia un dominio propio na Internet, pero resulta que o .ga corresponde a Gabón, o .gl a Groenlandia, e o .gz que pedían algúns sería utópico, pois para que concedesen tal dominio Galicia debería figurar na listaxe de códigos de país ISO 3166-1. Si, na listaxe figuran Xibraltar, Irlanda, Andorra e o Vaticano, pero nin Galicia, nin Euskadi, nin Cataluña, e conseguir que aparecesen en tal relación de abreviaturas de 2 caracteres é algo que hoxe en día parece imposible.
Descartado o .gz, ¿qué outras opcións habería? Pois poderiamos contar con sufixos coma .galicia, .galiza, .galego, .gale, .gal, .glg… e tendo en conta que os dominios de primeiro nivel deben procurar ser o máis curtos posibles (admitamos que un dominio xunta.galicia queda moito peor que un xunta.gal) e que utilizar palabras coma galicia, galiza ou galego poderían ter problemas de marcas (calquera empresa que tivesen algunha das 3 palabras no seu nome podería reclamar e facer que o dominio non fose viable, botando ao lixo anos de traballo) resulta que o .gal é a opción máis axeitada (.glg sería bastante difícil de ler).

Ata aquí chegaría a miña defensa da selección da nomenclatura do futuro gTLD pero, ¿e a súa necesidade? Está claro que non hai necesidade real de crear novos dominios de primeiro nivel, pero iso non quere dicir que non poidan ter as súas vantaxes. Se temos un sufixo galego na Rede poderemos reforzar a nosa identidade, e tanto nós coma os que cheguen ás nosas webs, ao ver o .gal no nome do dominio quedará claro que se trata dun espazo virtual galego.
Si, poderiamos rexistrar nomes de dominio en Gabón (.ga) e Groenlandia (.gl) para tal fin (coma os de Girona rexistran en Xibraltar, por aquilo do .gi) pero iso non estaría reglado, e só confundiría á xente. Un .gal é algo claro, que indicaría un compromiso coas nosas cultura e lingua, e incluso podería impulsar a creación de contidos en galego, pois as empresas que xa teñen un .es ou un .com en español ou inglés terían que facer versión en galego da súa web se queren estar baixo o sufixo .gal (condición que presumiblemente se imporá a eses dominios, coma tamén teñen condicións os .cat ou os .mobi).
Dende a perspectiva blogueira, teriamos que boa parte do blogomillo podería usar o .gal como bandeira, e o sufixo incluso podería facer doada a creación de buscadores locais (aínda que sexa baseándose no motor de Google). Eu, polo momento, só vexo vantaxes para a creación dun .gal pois, entre outras cousas, se trata dunha opción non dunha imposición. Seguiremos a ter un amplo abano de nomes de dominio, e os .com, .org, .es e .eu continuarán a ter a súa importancia no futuro.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS