¿Seguiremos sucumbindo á tentación da mazá tecnolóxica?

Onte tivo lugar a keynote musical de Apple, e aínda que Steve Jobs presentou algunhas novidades que son moi ben recibidas polos seareiros da compañía de Cupertino, ao profundizar...

House cunha mazá mordida
Onte tivo lugar a keynote musical de Apple, e aínda que Steve Jobs presentou algunhas novidades que son moi ben recibidas polos seareiros da compañía de Cupertino, ao profundizar en certos detalles quedamos totalmente decepcionados, pois dá a impresión de que os reprodutores multimedia portátiles puros, que eran as xoias da coroa, quedaron nun segundo plano, e Apple céntrase agora no iPhone e no iPad (o iPod Touch ten sorte de rebote) o que fai que cada vez teña menos sentido pagar os euros de máis que custan este tipo de produtos.

O positivo

Novo iPod TouchQue o iPod Touch actualícese para converterse nun iPhone 4 sen conectividade móbil, GPS nin compás dixital é de agradecer.

Amais, ao carecer de certos elementos temos un trebello máis delgado e lixeiro, conservando a aparencia estética dos iPod Touch (que moitos preferirán ao deseño actual do iPhone 4, que parece fuxir da liña habitual de Apple), ou sexa, un auténtico hit que vai ter boas vendas pese a ter un prezo elevado (entre 229 e 399 euros según capacidade).
Pero esta boa nova quedou un tanto ensombrecida pola teima que colleron os de Apple nos últimos tempos de atacar á competencia, de xeito que intentaron dar a entender que hai máis trebellos no mercado con iOS que con Android, facendo dubidar das cifras oficiais de Google, saíndolles o tiro pola culata (os datos oficiais de Android só inclúen os dispositivos con aplicacións de Google, polo que a cantidade total sería aínda maior pois habería que engadir a moitos fabricantes que pechan o acceso ao Android Market para rendibilizar mellor os seus produtos). Tamén fardaron dicindo que no sector dos videoxogo superan á Nintendo DS e á PSP xuntas, pero non detallaron que estaban a contabilizar descargas de xogos (incluso de balde) a prezos reducidos (normalmente uns 0,79 euros) mentres que nas consolas portátiles predominan os xogos en soportes físicos con prezos de entre 20 e 40 euros (ou sexa, que Jobs estaría máis guapo caladiño).
iPod shuffle na roupa
Tamén poderiamos considerar bo o que aconteceu co iPod shuffle, aínda que sexa polo feito de que reduciu o seu prezo a 49 euros e recuperou a súa aparencia orixinal (con botóns de control). O anterior iPod shuffle era unha merda inmanexable, no que o mesmo botón facía cousas distintas segundo o premeses rápido, o deixase pulsado ou o apretases dúas veces. ¡Super-intuitivo! 🙁 Vaia, que é lamentable que teñamos que considerar coma un avance camiñar cara atrás.

O negativo

Se fun crítico co positivo da presentación de onte, imaxinade o que penso do resto de produtos presentados. Para comezar direi que o iPod nano non creo que sexa tal, senón que convértese nun iPod shuffle cunha absruda pantalla táctil. ¿Por qué digo tal? Pois porque o iPod nano toma un formato de pinza de xeito que pode vestirse igual que o iPod shuffle, pero que por culpa da súa pantalla ten un prezo extraordinariamente alto (entre 159 e 189 euros), cando as súas diferenzas son a pantalla e o receptor de radio FM (que conserva de chiripa). Pero, ¿qué perde o iPod nano? Pois queda sen cámara, pero non perde só a gravación de vídeo senón tamén a reprodución… ¡e a un prezo superior! Con este produto coido que Apple está a tomar o público por parvo, e para o ano que vén farán o mesmo que onte co iPod shuffle (un pasito p’atrás).
iPod nano na roupa
E para rematar, a outra novidade que presentou Jobs no que a hardware se refire foi o novo Apple TV, que pasou de ser un reprodutor multimedia de salón con disco duro de 160 Gb e un prezo de 189 euros a un streamer sen almacenamento interno, que só pode tomar os contidos da Internet (orientado ao aluguer de series e películas pasando pola caixa de Apple, aínda que polo momento non teremos tal plataforma de contidos dispoñible en España) ou dun ordenador con iTunes a un prezo de 119 euros que, aínda que é unha baixada de prezo importante, resulta máis caro que outros dispositivos que temos no mercado que son moito máis versátiles e que incluso reproducen contidos a 1.080p (o Apple TV está limitado a 720p).
Apple TV na manAh, si, o Apple TV é moito máis cativo pero, ¿qué importa iso nun dispositivo que vai estar xunto ao televisor? Pasar de 20 a 10 centímetros de ancho no parece que vai supor unha revolución nos nosos salóns (e outros streamers tamén son así de cativos, vaia).
Aínda que dende España o novo Apple TV sexa un produto ridículo (ao non chegar aquí os contidos audiovisuais distribuídos por Apple) podería ter moito potencial, pois o auténtico cambio no trebello foi o seu corazón, que agora conta cun procesador Apple A4 e rumoréase que vai cunha versión adaptada do iOS, de xeito que teriamos unha especie de iPad conectado ao televisor, e no futuro iso podería abrir unha porta a aplicacións. De ser así, habería que repensar a utilidade do trebello, pero actualmente é unha chuminada que só defenderán os fanboys.

Cada vez teño máis claro que Apple está moi lonxe de ser unha compañía perfecta, e aínda que guste dos seus produtos, hai alternativas mellores a moitos deles (especialmente porque dá a impresión de que os teñen abandonados). Por exemplo, para facer exercicio paréceme mellor o Sony Walkman W252 que o iPod shuffle ou o iPod nano, e para o salón doméstico o Apple TV ten pouco que facer contra trebellos coma a familia de reprodutores multimedia de Western Digital ou de Asus (e incluso para os últimos reprodutores de Blu-ray, que agora conta con acceso á Rede).

ACTUALIZACIÓN: Acabo de ver que Erica Ogg (Cnet) coincide comigo ao opinar que Apple está a deixar de lado os seus reprodutores musicais, aínda que ela engade que é difícil achegar novidades a este tipo de produtos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...