A xente de Trebellos adiantóuseme a falar do último produto que están a vender en Alcampo, pois se trata de copias descaradas dos reprodutores iPod shuffle de Apple, aínda que teñen certas diferenzas máis que notables:
- O prezo: o reprodutor de Apple custa 79 euros e o pirata só 29,90 euros.
- O sistema de conexión: o shuffle precisa dunha base USB para conectar co PC mentres que no caso da versión pirata chega cun simple cable
- O modo de reprodución: o shuffle funciona en modo continuo ou aleatorio, mentres que a versión cutre só conta coa reprodución continua
- A batería: a autonomía do shuffle é dunhas 12 horas, mentres que a versión bastarda dura a metade
- O botón de play: o botón central do reprodutor de Apple está coloreado a xogo coa carcasa
- Os formatos: ambos soportan MP3, pero logo o pirata pilla WMA (formato de Microsoft) mentres que o legal pilla AAC (formato de Apple)
- O software: o reprodutor de Apple sincroniza a música mediante iTunes mentres que o que venden en Alcampo funciona directamente coma unidade de disco externa
- Os conmutadores inferiores: os dous reprodutores teñen dous conmutadores inferiores dos que un serve para acender e apagar o dispositivo, mentres que o outro serve para conmutar o modo de reprodución ou bloquear os botóns de control segundo falemos do chisme de Apple ou do perralleiro
Visto o visto agora habería que preguntar: ¿qué reprodutor é mellor? Está claro que o de Apple está máis coidado e ten un acabado moito máis profesional, pero se non miramos a calidade do produto, senón só as funcionalidades, teremos que Apple gaña principalmente no apartado da autonomía, mentres que a copia que venden en Alcampo podería ser máis práctica para moitos usuarios que, entre outras cousas, pagarían menos da metade polos artiluxio, o que lles permitiría tratalo con menos coidado. Ou sexa, que é unha boa compra para os que queiran levar o reprodutor mentres van en bici ou no ximnasio, pois 30 euros asustan menos que 79 á hora de tratar o reprodutor a paos.
O que xa me parece alarmante é que o reprodutor de marras se venda nunha tenda europea, xa que se trata claramente dun produto pirateado que se vería con máis normalidade nos mercadiños ou nas poxas de Internet.