A semana de Apple

Algún sorprenderíalle que nos últimos días non comentase non blogue nada sobre as novidades de Apple, pero o certo é que non tiven moito tempo para facelo, porque ando...

Tim Cook

Algún sorprenderíalle que nos últimos días non comentase non blogue nada sobre as novidades de Apple, pero o certo é que non tiven moito tempo para facelo, porque ando un tanto prexudicado despois de someterme a cirurxía escleral de desprendemento de retina, pero non quería deixar rematar a semana sen soltar algúns comentarios sobre os novos produtos da compañía da mazá.

A keynote de Apple é posiblemente o evento do ano dentro do sector TIC, polo impacto que vai ter no mercado, e que en boa medida era tan agardado porque hai que admitir que 2014 foi un ano moi gris para a empresa de Cupertino, que polo que se viña a rumorear, non paraba de adiar as datas de lanzamento dos seus produtos por mor de problemas cos seus subministradores de tecnoloxía. Vaia, que despois de tantos meses sen novidades de hardware, estaba claro que o público estaba impaciente por ver se Apple conseguía manter o seu pulo.

A retransmisión do evento foi un desastre, con numerosos cortes na retransmisión (ao parecer, porque tiveron o dobre de espectadores do previsto, o que poderían ser uns 2 millóns de conexións) e cunha cagada tremenda no son (escoitábase a tradución ao chinés simultaneamente, e cun volume semellante ao dos distintos oradores, complicando moito manter a atención no que dicía… o que supoño que sería especialmente molesto se entendes chinés). Pero o que quedou claro ao rematar é que para Apple hai un antes e un despois desta keynote.

Novos smartphones

O evento comezou forte, indo directamente aos novos teléfonos, que se axustaron ao que se rumoreara durante meses, polo que non eran ningunha sorpresa. O IPhone 6 con pantalla de 4,7 polgadas e o iPhone 6 Plus de 5,5 polgadas, o que supón botar por terra todos os discursos sobre os tamaños de pantalla que provocaran un aborto tan grande como as pantallas da familia iPhone 5 (que en formato panorámico contaba co teclado virtual en pantalla máis ridículo do mercado, por ocupar case todo o espazo dispoñible). Apple recoñece que eles tiñan unha idea do que era o mellor en ergonomía, pero os usuarios prefiren sacrificar manexabilidade para mellorar o tamaño de pantalla. O mercado manda e, como aconteceu cando saíu o iPad mini, Apple respondeu por fin ás súas demandas.

comparativa de tamaños dos 3 últimos modelos de iPhone

Pero eu vexo que os novos smartphones van por dous camiños distintos, xa que mentres o iPhone 6 mantén a resolución de pantalla do iPhone 5 (polo que é insultante que Apple diga que ten Retina HD), limitándose a incrementar o tamaño de pantalla, o iPhone 6 Plus mellora tamén a resolución de pantalla e propón que as aplicacións en formato panorámico se comporten como se estivesen nun tablet (de aí que hai que o alcume iPad nano ou iPad mini mini). Ou sexa, que realmente non estamos ante un móbil con 2 tamaños, senón ante un smartphone e un tabletófono e, aínda que sería de agardar que o modelo cativo quedase co 70-80% das vendas, sospeito que vai ser ao revés, por varios motivos de peso.

Resulta que, polo que se está a comentar en distintos medios especializados, o iPhone 6 tería unha batería comparable ao iPhone 5S (o seu incremento de capacidade apenas compensaría o incremento de tamaño de pantalla) mentres que o iPhone 6 Plus melloraría moito a capacidade de súa batería (de feito, pese a ser un móbil máis grande, tamén é máis groso) e incorporaría tamén estabilizador óptico na súa cámara (o que supón unha mellora moi importante á hora de disparar imaxes con pouca luz).

iPhone 6

Eu son partidario de tamaños de pantalla de 4,5 polgadas, polo que recomendar o iPhone 6 parecería o máis atinado, pero en vista das grandes diferencias entre ambos terminais, teño que recoñecer que o iPhone 6 Plus é moi superior no que importa á meirande parte dos usuarios, polo que poderíamos atoparnos que o tabletófono vende bastante máis que o móbil insignia, ou sexa, que a propia Apple sería a que está a empurrar aos usuarios aos terminais xigantes, posiblemente para potenciar o outro produto que anunciaron (atendendo tamén a que en mercados como o chinés máis da metade dos smartphones que se venden hoxe xa teñen pantallas de máis de 5 polgadas, polo que posiblemente quixeron evitar unha posible futura fuga masiva de usuarios).

O reloxo misterioso

Cando o iPod nano adoptou unha forma cadrada, varios fabricantes lanzáronse a fabricar correas de reloxo que permitían levar o reprodutor multimedia no pulso e, de feito, cando o iPod nano recuperou un formato alargado, xurdiron moitos rumores que apuntaban a que Apple tería visto que tal idea era xenial e que iso indicaba que había un oco de mercado para que lanzasen un iWatch. Precisamente iso fixo que os competidores se puxesen tamén a traballar nesa dirección, de xeito que nos últimos anos puidemos ver as típicas pulseiras cuantificadoras e os primeiros smartwatches, levando a que Apple fose o último en chegar a este segmento de mercado e, de feito, aínda non chegou, xa que o Apple Watch presentado non será unha realidade até 2015 (aínda que dicían que a primeiros de ano, algunhas voces apuntan a que podería adiarse a súa saída até a primavera).

Apple Watch

Estamos ante un produto do que aínda hai moitas incógnitas, como a súa autonomía e a capacidade de almacenamento interno, faltando tamén por ver como sería o seu comportamento no mundo real, pois polo momento só existe a nivel de prototipo, e teremos que agardar meses para ver o seu hardware final e o seu software. Queda así claro que dicir que o produto está ben ou mal resulta prematuro, e o que si parece clarísimo é que vai vender coma churros, especialmente entre os que merquen un iPhone 6 Plus, que poderán así acceder a moitas funcións do smartphone sen ter que sacalo do bolso ou do peto.

O Apple Watch é ideal para o público feminino

O grande acerto de Apple con este produto é ofrecelo en numerosas configuracións, non de capacidade e potencia, senón de deseño e tamaño, tendo por fin en conta ao público feminino, o que posiblemente sexa o segmento de público no que non atopará competencia, pois o smartwatch doutra compañía que podería pórllo máis difícil a Apple sería o Moto 360, que é demasiado grande para a meirande parte de mulleres.

Para facernos unha idea do que poden chegar a supor estes trebellos non podemos evitar lembrar o que foi o iPhone no seu lanzamento (un dispositivo con pouca autonomía, cámara malísima, Bluetooth capado, pouca resolución de pantalla, sen conectividade 3G, sen tenda de aplicacións…) e ver o que chegaron a ser terminais como o iPhone 4 e 4S; tamén podemos botar a vista atrás e ver como cando se presentou o iPad os críticos dicían que era “un iPod Touch grande” para que, cando chegaron as aplicacións todos vesen a utilidade do produto. Chegará a ser o Apple Watch un produto de éxito? Teremos que agardar un par de revisións até que o produto madure? Eu supoño que o que pasará é que non será un produto para todos, senón para uns consumidores moi concretos, e que evolucionará moito, especialmente en autonomía e en factor de forma (espero que no futuro teña unha elegante pantalla circular, pois os mockups que circulan por aí son bastante chulos). Posiblemente o reloxo tamén chegue a ser somerxible e incluso podería chegar a existir un modelo que funcionase con independencia a un iPhone, ou sexa, que as posibilidades son moitas, e intentar prever o que deparará o futuro é un esforzo inútil, xa que será o mercado o que decida, e o mercado é caprichoso (a xente ría cando se presentou o primeiro Samsung GALAXY Note e agora os móbiles de grande tamaño trunfan pese a ser incomodísimos para o seu uso como teléfono).

Agora só resta esperar. En poucas semanas saberemos se os novos iPhone renden ben (teño ganas de ver as comparacións entre un iPhone 6 Plus de 899 euros e un OnePlus One de 299 euros, pois no papel incluso o móbil chinés parece mellor pese a custar a terceira parte), e nuns meses poderemos comparar o Apple Watch coas súas numerosas alternativas (que non só serán dispositivos como o Moto 360, senón que tamén habería que ter en conta trebellos como o Galaxy GEAR Fit, o Asus ZenWatch, a SmartBand Talk de Sony, o LG G Watch R, o Qualcomm Toq, o Pebble Steel ou os produtos de Fitbit), aínda que supoño que os compradores non mirarán tantas opcións, pois hai unha cousa que parece clara: se ter un iPhone o mellor smartwatch para ti será o de Apple, e se non tes un iPhone o Apple Watch non é para ti.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...