Os Melidaos presentaron o seu primeiro disco

Esta fin de semana Os Melidaos presentaron o seu primeiro disco, e remitíronme unha nota sobre o evento que reproduzo a continuación: O grupo de música tradicional Os Melidaos...

Os Melidaos
Esta fin de semana Os Melidaos presentaron o seu primeiro disco, e remitíronme unha nota sobre o evento que reproduzo a continuación:

O grupo de música tradicional Os Melidaos presentaron na noite do sábado o seu primeiro disco que leva por título Que ben baila, que ben baila formado por once pezas e do que veñen de editar 300 copias. O acto foi moito máis que un concerto ou unha mera presentación do disco, foi un acto cultural no que se pretendeu homenaxear a todos os grupos de música tradicional de Melide que contribúen a poñer en valor a nosa cultura e música.

Para iso, no acto fóronse intercalando pezas musicadas e cantadas con breves intervencións nas que se poñía de manifesto a fonda raigame musical de Melide dende hai séculos.

O acto abriuno a concelleira de Benestar e Igualdade de Melide, Casé Rodríguez, a petición do grupo, para expoñer unha breve historia da agrupación e dar a coñecer aos seis membros dos Melidaos; nos que hai que salientar a músicos veteranos de renome como Marcelino Vázquez (gaita) e Pepe Taboada (clarinete), membros durante moitos anos do Ballet Galego Rei de Viana e da agrupación coruñesa Cántigas da Terra, entre outras moitas.

Os Melidaos

Os Melidaos estiveron arroupados no acto por moitos veciños e amigos, que ateigaron a sala, e por importantes músicos de fóra como membros do Orfeón Treixadura, da agrupación tradicional do IGAEM, a directiva de Cántigas da Terra, ou Luís de Os Carunchos, entre outros.

Os Melidaos interpretaron varias pezas do disco e, por primeira vez en público, varias pezas cantadas que foron moi aplaudidas.

O voceiro dos Melidaos, Pepiño Blanco, antigo membro de Froito Novo de Melide, dixo estar fondamente emocionado por poder compartir e divulgar a nosa música tradicional grazas á gravación deste disco. Disco que sae á luz 34 anos despois de que o lembrado grupo Froito Novo editase o seu disco Esperta Galicia (1976).

Pepiño Blanco tivo palabras de agradecemento para a Deputación da Coruña e para o Concello de Melide polo apoio ás formacións de música tradicional que pretenden dignificar a nosa música e poñela en valor. Animou aos demais grupos de Melide a que graven os seus traballos para poder chegar así coa música galega a todos os lugares.

Ao acto asistiu tamén a alcaldesa de Melide, acompañada das concelleiras de Benestar, Casé Rodríguez, de Mocidade, Anabel Ramos, e de Cultura, Conchi Castro.

A alcaldesa, Socorro Cea, tamén interviu para dicir, entre outras cousas, que Un pobo ten futuro cando as súas xentes están orgullosas do seu, orgullosas da súa cultura, felices mantendo as súas tradicións, coidando da súa música e da súa lingua. Iso é o que fan Os Melidaos: facer que a música galega siga viva, que as nosas pezas tradicionais sigan emocionando á xente, que a nosa lingua siga estando presente nas nosas vidas e que a nosa cultura se manteña por sempre inmorredoira.

Os fortes aplausos e a entrega do público asistente fixo que Os Melidaos interpretaran tres pezas máis das previstas.

Os Melidaos

Breve Historia de Os Melidaos

O grupo de música tradicional galega Os Melidaos naceu arredor do ano 2004 en Melide, lugar de fonda tradición gaiteira e berce de mestres da gaita. Esta agrupación musical xorde pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar.

Co disco Que ben baila, que ben baila, Os Melidaos queren render unha homenaxe a todos os músicos populares, anónimos e recoñecidos, que contribuíron a que a música tradicional e os instrumentos populares formasen parte do noso ser como pobo.

Os Melidaos pretenden poñer en valor a cultura galega, dignificar a nosa música e acadar o fin último da mesma: A diversión do pobo.

Os membros dos Melidaos son:

* Marcelino Vázquez- gaita
* Pepe Taboada- clarinete e gaita
* Pepiño Blanco- bombo e gaita
* Luís Casal- Tamboril e pandeireta
* Xele barrio- acordeón
* Antonio Raposo- gaita e voz

O acto de presentación do disco durou unha hora, pero a festa posterior prolongouse noutras salas do edificio Multiusos durante máis de tres horas nos que todos os asistentes escoitaron novas pezas, cantaron e bailaron ao son da nosa música tradicional de Os Melidaos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS