Os Melidaos celebran o seu 10º aniversario cunha actuación no Teatro Rosalía de Castro

Parece que foi onte cando botaron a andar, pero xa levan unha década en activo, e para celebralo, Os Melidaos van a abrir o VII Ciclo de Coros Históricos...

Os Melidaos
Parece que foi onte cando botaron a andar, pero xa levan unha década en activo, e para celebralo, Os Melidaos van a abrir o VII Ciclo de Coros Históricos no Teatro Rosalía de Castro o vindeiro día 9, como comentan nunha nota de prensa:

VII Ciclo de Coros HistóricosO grupo melidense de música tradicional Os Melidaos actuarán o vindeiro domingo, 9 de outubro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña como único grupo musical convidado ao VII Ciclo de Coros Históricos que, anualmente, reúne na cidade herculina aos catro coros históricos do noso País. Nesta ocasión, o evento terá lugar os domingos 9, 16 e 30 de outubro ás 19:00 horas.
Esta nova edición, organizada polo coro Cántigas da Terra da Coruña, levará ata o escenario do Teatro Rosalía de Castro á Coral de Ruada de Ourense, a Cantigas e Agarimos de Compostela e o decano de todos os coros de Galicia, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.
Cántigas da Terra, que vén de cumprir 95 anos, elixiu ao grupo de música tradicional Os Melidaos para participar neste importante evento musical.
Para o presidente e membro dos Melidaos, Pepiño Blanco, “Non podía haber mellor agasallo para Os Melidaos no seu 10º aniversario que ter a posibilidade de tocar no fermoso Teatro Rosalía de Castro a carón dos catro coros históricos que temos neste País”.
O VII Ciclo de Coros Históricos comezará oficialmente cun pasarrúas conxunto da Coral de Ruada, Cántigas da Terra e Os Melidaos que dará comezo ás 18:15 h do día 9 de outubro. As tres formacións desfilarán dende o Obelisco, na céntrica Rúa Real da Coruña, ata o propio Teatro Rosalía de Castro.

Esta tamén é unha ocasión excelente para repasar a traxectoria desta formación musical:

Os Melidaos no Rosalía
O grupo de música tradicional galega Os Melidaos naceu arredor no ano 2001 en Melide, lugar de fonda tradición gaiteira e berce de mestres da gaita. Esta agrupación musical xorde pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar.
No ano 2009, gravaron o seu primeiro disco Que ben baila, que ben baila, co que quixeron render unha homenaxe a todos os músicos populares, anónimos e recoñecidos, que contribuíron a que a música tradicional e os instrumentos populares formasen parte do noso ser como pobo.
Os membros dos Melidaos son:
-Marcelino Vázquez- gaita
-Pepe Taboada- clarinete e gaita
-Pepiño Blanco- bombo
-Luís Casal- tamboril
-Xele Barrio- acordeón
-Antonio Raposo- gaita
Os Melidaos, que se atopan na actualidade gravando o seu segundo disco, interpretarán no Teatro Rosalía de Castro varias pezas cantadas incluídas no seu novo traballo discográfico que levará por título Axudádeme a cantar e que agardan rematar a finais deste ano.

Dende aquí desexar moito éxito na actuación coruñesa e moitos anos de vida máis á formación.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS