O pasado 26 de abril a formación musical Os Melidaos pasou polo Luar da TVG para dar a coñecer a súa vindeira actuación en directo, dentro dunha xira de concertos na que amosan ao público o seu novo disco Axudádeme a cantar:
A vindeira cita cos Melidaos será o sábado ás 20:30 horas no Salón Teatro, e a entrada é de balde.
ACTUALIZACIÓN (8-5-2013): Dende Os Melidaos están a dar conta do concerto no Salón de Actos a través do seguinte comunicado:
O grupo de música tradicional Os Melidaos presentará o 11 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela o seu segundo disco que leva por título “Axudádeme a cantar”.
Os Melidaos publicaron hai uns meses un novo disco gravado nos estudios Abrigueiro de Friol. O traballo está formado por catorce pezas, varias delas cantadas, e algunhas compostas por membros dos Melidaos. É o caso do “Pasodobre de Marcelino” do veterano gaiteiro Marcelino Vázquez, e a peza “Pasando pola vila de Arzúa” composta polo gaiteiro e voz principal do grupo Antonio Raposo.
Os Melidaos naceron no ano 2001 en Melide pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar.
Co seu primeiro disco “Que ben baila, que ben baila”, publicado en 2009, quixeron render unha homenaxe a todos os músicos populares, anónimos e recoñecidos, que contribuíron a que a música tradicional e os instrumentos populares formen parte do noso ser como pobo.
“Axudádeme a cantar”
O disco “Axudádeme a cantar” conxuga as seguintes máximas:
– Disco de música tradicional no que os xeitos de executar e de interpretar respectan os máis vellos estilos do noso país.
– Incorporación dun novo instrumento que é universal – A VOZ
– Repertorio compensado, incluíndo pezas dos ritmos máis representativos da nosa música (3 foliadas, 3 muiñeiras, 3 pasodobres, 2 xotas, 1 canto de arrieiro cunha marcha de procesión, 1 polca e 1 valse)
– Parte do repertorio recollido neste traballo é alleo, tanto tradicional como de autor, e parte é repertorio propio do grupo (recollido por eles mesmos ou composto por algún dos membros do grupo). A esta última categoría de pezas, pertencen a Marcha de procesión,
– O disco contén diferentes tonalidades. Así, hai pezas gravadas en Do, en La e en Si bemol.
O segundo disco dos Melidaos (música, voces, aturuxos, pandeiretas, cunchas, …) está integramente producido por eles, sen ningún tipo de colaboración. Isto permite que, nos directos, o grupo poida reproducir fielmente o que está gravado no disco.
Os Melidaos está composto por:
MARCELINO VÁZQUEZ FERNÁNDEZ: Gaita
PEPE TABOADA SÁNCHEZ: Clarinete, gaita e voz
PEPIÑO BLANCO LÓPEZ: Bombo e voz
XOSÉ LUIS CASAL LEMA: Tamboril, pandeireta e voz
ANTONIO RAPOSO VIDAL: Gaita, cunchas e voz
XELE BARRIO BLANCO: Acordeón e voz
DIEGO GONZÁLEZ VÁZQUEZ: Gaita, pandeireta e voz
Estes gaiteiros que cantan dedican o traballo “Axudádeme a cantar” ás súas familias e “a todos aqueles músicos tradicionais anónimos que, sen ningún tipo de recoñecemento oficial, teñen o noso máis profundo respecto e admiración por levar dentro de si a identidade do noso País”.
Os Melidaos pecharán, xunto ao grupo folk Tromentelos, a XXII Festa do melindre que se celebra este domingo, 12 de maio. Será nun concerto na Praza das Coles de Melide que dará comezo ás 19:30 horas.
Debe estar conectado para enviar un comentario.