Falta menos para a segunda canle da Galega (G2)

Coido que era para 2006 cando estaba prevista a estrea da segunda canle de televisión a CRTVG a través da TDT, e incluso falábase de que puidese chamarse A...

Coido que era para 2006 cando estaba prevista a estrea da segunda canle de televisión a CRTVG a través da TDT, e incluso falábase de que puidese chamarse A Sétima, pero ao final vai ser máis conservadores, e polo que puidemos ler en A Nosa Terra, nun par de semanas teremos unha nova canle que de nova terá o grafismo, posto que parece que limitarase a emitir reposicións:

Xesus Iglesias, director de TVG: ‘En 15 días emitirá G2, a segunda canle da Galega’

Satisfeito con culminar este período de catro anos con case un 16% de audiencia, “o mellor na historia da canle”, o xornalista Xesús Iglesias, director da Televisión de Galicia, anuncia nesta entrevista o inmediato comezo das emisións da canle G2 polo TDT, especializada en contidos infantís, xuvenís e de cultura.

Fotografía de Xesús Iglesias para A Nosa Terra

En catro anos cal é o balance sobre as súas intencións iniciais?

Sabíamos da necesidade de renovar a imaxe da cadea en conxunto, con criterios de calidade profesional e diversificando os contidos. Tendo en conta o escenario no que nos movemos estamos satisfeitos, sobre todo se usamos o índice de audiencia e seguimento como un baremo necesario.

Para a televisión pública sempre se fala da BBC como primacía do criterio profesional sobre o político. Cal é modelo futuro que vostede albisca?

Debemos distinguir entre televisións xeneralistas privadas e públicas. A nosa ten vocación de dirixirse a todo tipo de públicos pero cun sentido de responsabilidade que lle dá importancia aos núcleos básicos da nosa audiencia potencial. Desde aí avanzamos e agora creemos que é unha tv máis plural, con máis transparencia, con debate político de todos. O modelo de xestión supón decisións políticas porque implica cambiar a lei da Compañía.

As audiencias tiranizan tanto as decisións das televisións xeneralistas?

Non diría tiranizar, porque podería poñer moitos exemplos de que tomamos as decisións con independencia dese criterio e pensando no servizo que debemos cumprir. Tamén hai que pensar que nunca sabes o que lles pode gustar aos espectadores, porque saberemos moito de tv pero quizais están variando as tendencias e non te das conta. En todo caso unha televisión existe se se ve. Unha cadea debe buscar a audiencia, tamén unha pública porque se non se ve non se xustifica o gasto que se fai para sostela. Moléstame que se confunda unha audiencia de máis idade cun tipo determinado de televisión non contemporánea. Podemos delimitar a importancia que teña o núcleo principal que te segue con produtos devaluados. Defendo criterios de calidade e responsabilidade. Ás veces tes programas que pensas que poden interesar só a xente maior e ao facerse con calidade e medios tamén interesan a outras bandas da poboación, sexan Hábitat, Historias de Galicia ou A casa de 1906, que acadaron cotas de audiencia interxeneracional importantes.

Falouse de que para satisfacer máis esas audiencias diferentes había que poñer en marcha máis canles da TVG. Para cando?

Unha grella de emisión hoxe ten que ter unha programación sen grandes dentes de serra e tes que procurar fidelizar a audiencia, de maneira que non pases dun programa que interesa a moitos a outro para unha minoría. As televisións teñen que manter atendida á súa audiencia máis constante, interesándoa por produtos diversos, e a audiencia destes anos danos a razón porque pechamos os derradeiros meses de 2008 cunha media do 16%, a segunda das televisións autonómicas, apenas a unhas décimas de Canal Sur. Coas TDT podes facer outras canles máis especializadas que complementen esta visión xeneralista que serve de reclamo. En apenas quince días comezará a G2, que está xa en período de probas, e se especializará en programación infantil, xuvenil e cultural. A min, como creador do Xabarín Clube, criticóuseme a menor presenza nestes anos de contidos para os máis novos. Pero é que o consumo televisivo variou moito polas canles temáticas, que están a calquera hora do día e non espera á tradicional hora da merenda, de 6 a 8. É un cambio importante social e por iso necesitamos con urxencia tamén a nosa propia presenza temática. Vai ser un éxito porque os rapaces poderán entrar a moitas horas diferentes.

E repetiranse enganches da audiencia como foi o Xabarín ou o Shin Chan?

Hai unha política de compras que é moi importante pero está condicionada. Cando non había o escenario competitivo das canles temáticas, as tv autonómicas tiñamos horario infantil e facíamos compras xuntos. Daquela podíamos competir. Agora a cousa mudou e tivemos que reorientarnos e facer canles temáticas. Tamén a TV3 catalá segue ese camiño.

Amósase satisfeito coa audiencia media, cal é a clave dese éxito nun escenario cada vez de máis competencia?

Penso que a proximidade. Programas tipo Historias de Galicia, Hai que mollarse, Vivir aqui, Hábitat, Larpeiros S.A…., que son en clave de país, teñen boa factura e ademais son baratos e permítennos diversificar as compras. Ou Hai debate, que é o que mellor funciona do seu tipo nas televisións autonómicas, cunha fórmula sinxela que foi quen de crear un punto de encontro e de referencia para un tipo de espectadores, en troque de facer experimentos espectaculares ou populistas que noutras cadeas fracasaron. Nós resistimos porque A Galega cada vez é máis próxima, tamén nos informativos.

É imposíbel que os informativos de televisión deixen de ser suxeitos permanentes de debate político?

Non teño dúbidas que son mellores informativos que os de antes, en calidade técnica e en pluralidade. Entendo a posición dos políticos porque é o día a día da súa axenda e miden o seu discurso pola presenza nos medios. A presión é permanente e quizais falte paciencia para deixar pasar tempo e que asente unha nova visión cidadá da televisión.

Non entendo coma aseguran que a nova canle vai ter máis contidos para os cativos se non van mercar novas series para eles e utilizan coma desculpa ás canles temáticas o que non cola, xa que ata o momento os cativos só tiñan en aberto unha canle para eles (Clan TVE) pois Disney Channel aínda comezou a verse en aberto dende o pasado verán. Vaia, que durante bastantes anos a programación infantil desapareceu case totalmente das televisións en aberto, especialmente no horario de tarde no que tanta falata facía.
Continúo a pensar que a programación infantil debería ser o máis importante para a TVG, xa que é o vehículo máis valioso que pode haber para a difusión da nosa lingua. A min marcáronme especialmente Arale, Son Goku, os videoclips bravús e o Xabarín News, pero non vexo que na actualidade a Galega teña nada para nenos (non me valen as emisións actuais do Xabarín Club, a unhas horas nas que ninguén ve a tele).
¿Cambiará G2 todo iso? Gustaríame que fose certo. Dentro dun par de semanas haberá que botarlle un ollo, para ver se a segunda canle que actualmente ocupa a TVG na TDT deixa de ser un mero reflexo da programación habitual, coa grella lixeiramente cambiada.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS