Unha iniciativa na Rede xuntou sinaturas para pedir a volta do Xabarín Club ás súas orixes, e agora a Mesa pola Normalización Lingüística está a pedir que volva o programa ó seu horario natural:
A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego denuncian a supresión do Xabarín Clube no horario semanal de tarde da TVG
Ambas as seccións da Mesa considérana “un grave retroceso” e lembran que un dos obxectivos básicos da televisión pública galega é “ser ferramenta activa” no proceso de normalización da lingua
A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego, seccións da Mesa pola Normalización Lingüística, veñen de denunciar a nova modificación no horario de tarde da TVG que, como xa acontecera no pasado, deixa fóra o Xabarín Clube, o espazo televisivo infantil da canle pública por excelencia. Co novo cambio na programación, o programa liderado polo máis popular porco bravo de todos os tempos fica relegado aos sábados pola mañá e máis a un reducido oco na primeira hora da mañá pola semana de, aproximadamente, unha hora de duración.Os colectivos pertencentes á Mesa consideran a decisión da canle pública de televisión un “grave retroceso” ao tempo que anuncian que “instarán” de xeito inmediato a dirección da TVG a reconsiderar a exclusión do Xabarín Clube do horario semanal das tardes. Tanto a sección xuvenil da asociación en defensa do idioma como o Colectivo de Nais e Pais sinalan que o espazo infantil é, desde os seus comezos, “unha ferramenta privilexiada” para a promoción da lingua que conseguiu, a través dos seus programas, actividades e contidos, transmitirlle ao público infantil e xuvenil unha imaxe “prestixiada” e “dignificada” do galego, até o punto de chegar a ser na actualidade “un dos principais referentes culturais feitos no noso idioma” para a poboación infanto-xuvenil; referentes dos que a lingua “está urxentemente necesitada”, aseguraron.
A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego aproveitan para lamentar tamén os “múltiplos problemas” aos que o Xabarín se viu sometido nos últimos anos. Os colectivos da asociación cidadá lembraron que os novos recortes “non son os primeiros” e que o espazo infantil “xa estivo practicamente desaparecido” da grella da TVG noutras ocasións “por decisións de orixe política”, retomándose nos últimos anos cunha “importante renovación” nas series, formatos e contidos feita posíbel grazas a un “equipo de profesionais comprometidos co proxecto que orixinou o Xabarín e dunha enorme valía”.
Non acabo de entender a política da TVG, especialmente nun momento no que a televisión está dirixida polo antigo responsable do Xabarín Club. E despois teñen que pór desculpas á caída de audiencias… investir en programación infantil é unha obriga da canle para fomentar o galego entre o cativos. A estas alturas, ¿aínda temos que reclamar este tipo de cousas? ¿Qué vai ser o seguinte? ¿Que a segunda canle pública galega (G2) sexa en español?