Engadir novas canles na TDT

Coa estrea da TDT de ámbito local na demarcación compostelá véxome na obriga de comentar que para captar as novas canles é preciso resintonizar o noso receptor de Televisión...

Coa estrea da TDT de ámbito local na demarcación compostelá véxome na obriga de comentar que para captar as novas canles é preciso resintonizar o noso receptor de Televisión Dixital Terrestre, o que sería recomendable facer de cando en vez aínda que sexa só por que teñamos asignado un nome de programa correcto a cada canle. Lembremos que nos últimos meses Telehit pasou a ser Hogar 10, Telecinco Estrellas converteuse en FDF, Telecinco Sport transformouse en Telecinco 2, Net TV deixou paso a Intereconomía e dentro de pouco podería desaparecer Fly Music para converterse nunha canle da Disney.
Resintonizar é un proceso moi doado, que na meirande parte dos reprodutores se fai con ir á sección de configuración, e dándolle á busca automática:
menúIr a InstalaciónBúsqueda automáticaIniciar busca
Pero este proceso é sustitutivo, ou sexa, que tras rematar o proceso deberemos volver a reordear as canles, o que resulta un tanto incómodo, e que se pode evitar se só queremos engadir as novas canles de xeito aditivo (a meirande parte de receptores engade as novas canles ao final da listaxe de programas sen borrar a configuración anterior).
Para iso temos que ir na configuración á busca manual e alí podemos marcar que se explore só a canle 23 (en Santiago de Compostela):
Ir ao menúIr a InstalaciónBusca manualCanle 23iniciar busca
Isto mesmo podería servir (non sempre) para cando cambie o nome dunha canle ou cando se reestruture a oferta (como presumiblemente pasará no verán durante as Olimpíadas). Neses casos podemos limitarnos a explorar as canles afectadas, que no caso de ter a antena da casa orientada ao monte Pedroso (Santiago) sería a seguinte:

Canle 23: Correo TV e Localia
Canle 40: TVG e TVG Internacional
Canle 63: La 1, La 2, 24 Horas e Clan TVE
Canle 66: Intereconomía, Teledeporte, VEO e SETenVEO
Canle 67: CNN+, Cuatro, La Sexta e 40 Latino
Canle 68: Fly Music, Telecinco, Telecinco 2, FDF
Canle 69: Hogar 10, Antena 3, Antena.Nova e Antena.Neox

Fixándonos nesa listaxe teriamos que na actualidade hai 24 canles de TDT den Compostela, pero o certo é que sintonizamos algúns máis correspondentes a teletendas que se colaron de estrangis. Está clarísimo que a súa emisión corresponde un fraude de lei pois se emiten sen licenza, xa que as fan pasar por servizos interactivos que non son tales. En vez das teletendas, deberían aparecer servizos coma o digitexto do que parece que só fai uso TVE, TVC e ¿Telecinco? E incluso hai canles ás que non se lles cae a cara de vergoña por non contar con guía electrónica de programación (EPG). Non é de estranar que a xente bote pestes contra a TDT, pois en 2 anos e medio só temos promesas do que podería ser.
¿Tanto custa que metan contidos anamórficos e servizos interactivos? ¿Ou que non enchan as horas nocturnas de concursos telefónicos? Como todo continúe así as dúas canles autonómicas privadas que teremos en Galicia pouco se van ter que esforzar para facer algo do nivel da competencia 🙁

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS