A semana pasada a empresa galega Dinahosting lanzou unha campaña para promover o uso do dominio de primeiro nivel .gl coma se correspondese a Galicia (cando pertence a Grenlandia), posto que conseguiron converterse en rexistradores deste tipo de dominios (proceso que ata o momento había que facer a través de Tele-Post). Chegados a este punto teño que matizar varias cousas:
1- Dinahosting é unha empresa galega que recomendo en moitas ocasións para hospedar páxinas web polo mero feito de que son locais
2- Entendo totalmente que Dinahosting queira mellorar o seu negocio da venda de dominios da Internet (que tamén dá certo pulo á contratación de hospedaxes)
3- Gusto da idea de que poida facerse o rexistro dun dominio .gl a un prezo competitivo e a través da Rede (o mecanismo establecido por Tele-Post era off line).
Entón, ¿por qué o pasado xoves escribín un artigo en Código Cero criticando esta iniciativa de Dinahosting? Pois simplemente porque estaba a recibir consultas de particulares e profesionais sobre qué facer cos novos dominios, ou sexa, que en poucas horas había xente preocupada por ter que decidir se contratar unha chea de dominios coas súas marcas ou coas dos seus clientes. Quixen deixar claro que o .gl non ten nada que ver con Galicia, e ilustrar dun xeito moi básico os problemas que ten utilizar un ccTLD (dominio de primeiro nivel asignado a un país) para o que non é. Falo dunha problemática moi real, á que están suxeitas moitas páxinas web do mundo, pero que se un está ben informado é libre de elixir adquirir un dominio .gl (de feito, hai anos que pode facerse) pagando 37 euros/anos (prezo que reitero que é moi competitivo).
Agora tócame admitir que ao pór en marcha este blogue tiña pensado contar con dúas versión, unha .es en español e outra .gl en galego (en serio), pero finalmente decidín pasar do dominio groenlandés porque deume a impresión de que a coña non ía pillala ninguén, e continúo a pensar o mesmo: existe un motivo para os nomes de dominios da Internet, e se pasamos de todo só contribuímos ao caos.
ccTLD e gTLD
Cando comezou a funcionar a Internet entenderon que era preciso crear un sistema de nomes de dominios para organizar xerarquicamente os contidos na Rede, e así ordenalos dalgún xeito, creando por unha banda os dominios de primeiro nivel xenéricos (gTLD) coma os .com para empresas, os .org para asociacións, .mil para o exército, .edu para universidades (e outros contornos educativos), entre outros, e por outra banda os dominios de primeiro nivel correspondentes a países (ccTLD), que distínguense por ter só 2 carácteres, de xeito que cando un dominio remata co sufixo .es entendemos que é español, un .fr é francés, un .pt portugués… A principal peculiaridade dos ccTLD é que o seu regulamento e xestión están descentralizados, polo que cada país foi á súa bola, e nalgúns casos os rexistros están totalmente abertos ao estranxeiro e noutros é preciso cumprir certas condicións. Dado que as normativas dos distintos dominios nacionais son variables, operar con dominios estranxeiros supón un risco, e no caso groenlandés o risco aínda é maior, pois dado que é un país sen estado, incluso sería posible a súa desaparición no futuro, coma aconteceu no seu día con Checoslovaquia (.cs) ou Zaire (.zr). Ou sexa, que os cambios políticos poderían ter efectos a longo prazo no .gl (aínda que non sexa probable).
Os ccTLD desígnanse en función da norma ISO 3166-1, que non é estática (nin séguese de xeito estrito), e precisamente por iso tamén podería ser posible que perigase o .gl (poderían incorporar a Grenlandia no Reino de Dinamarca, ao que pertence administrativamente).
Abuso dos nomes de dominio
Algo que teño que deixar claro é que o que penso dos .gl tamén o aplico a outros nomes de dominio. Paréceme lamentable que haxa canles de televisión que pillen un .tv, emisoras de radio que rexistren un .fm, cataláns que pillen un .ca ou un .gi (en referencia este último a Girona), .tm coma marca rexistrada ou xente que empregue o sufixo .to para facer xogos de palabras co inglés tipo go.to.
De feito, o caso dos .tv é todo un exemplo de risco, e hai rexistradores que os eliminaron do seu catálogo ante o seu risco, dado que pertence á illa de Tuvalu, da que está a fuxir a súa poboación a Nova Celandia porque está a afundirse (a poboación vive e menos de 2 metros sobre o nivel do mar, de aí que uns 4.000 tivesen que emigrar pasando a seren considerados refuxiados ambientais). Vaia, que algunhas compañías non queren ter problemas cos seus clientes se dentro duns anos os .tv deixan de existir, pois poderían esixirlles responsabilidades.
Polo momento a desaparición de nomes de dominio de primeiro nivel é algo anecdótico, pero temo que nos vindeiros anos a cousa vai cambiar, e non teño nada claro que sobrevivan moitos dos dominios esponsorizados que están a crearse, de aí que unha empresa debería pensar ben na súa estratexia na Rede a longo prazo, pois aínda que sexa relativamente doado mudar dun dominio a outro na web, non é tan sinxelo o proceso cos enderezos de e-mail (eu continúo a recibir mensaxes lexítimas en enderezos que levo anos sen utilizar para remitir correos, pese a avisar de que xa non os usaba).
Por suposto, para un dominio que non pensa durar varios anos nin crear marca, todo isto podería obviarse, polo que hai que entender que a miña mensaxe de sentidiño non vai para todo o mundo, senón principalmente para empresas e proxectos na Rede.
Respondendo aos comentarios
Lendo os comentarios que hai na web dá a impresión de que eu son a única persoa crítica co .gl, pero podo asegurar que en certos ámbitos o meu parecer é o maioritario. Quixera aproveitar para responder a algunhas cousas que apareceron en distintas páxinas web coma en Fraggle Blog, onde o autor asegura que a iniciativa de Dinahosting é «de las más inteligentes que se ha llevado a cabo para manifestar la necesidad de un TLD propio», o que eu vexo xusto do dende a perspectiva contraria: se aceptamos utilizar o .gl (un ccTLD alleo), ¿para qué un dominio de primeiro nivel propio?
Tamén defende que o .gl é a «única opción», posto que non é posible rexistrar dominios .gz nin .gal, pero iso paréceme pouco atinado, pois incluso existe a opción do .ga e, de feito, o .gl sería unha alternativa aos gTLD e aos dominios .es e .eu. De feito, nos últimos anos certas consellarías que non gustaban do uso do sufixo español optaron polo dominio europeo que tamén soa moi galego. ¿Verdade?
Pero onde meten a zoca no Flaggle Blog é ao falar das marcas. Para comezar, as primeiras fases de rexistro de novos dominios non é especulativa (normalmente sae ao mesmo prezo) senón que buscan protexer marcas para evitar problemas ulteriores, e os «procedementos tremendamente efectivos» que ten a ICANN ante os conflitos con nomes de dominio precisamente non son de aplicación en Grenlandia. Para rematar tamén engaden que no caso de desaparecer Grenlandia coma país a ICANN faríase cargo do seu dominio, o que non é así, e precisamente están os casos de Checoslovaquia e Zaire para demostralo (ICANN dá prórrogas pero non mantén dominios de países desaparecidos). Amais, e non referíame só á desaparición de Grenlandia, senón a posibles cambios que poidan levar á imposibilidade de manter dominios alí.
En Chuza (agora Chuza.gl) tamén hai comentarios aos que debo responder, en boa medida porque incluso van contra a miña persoa, chegando a dicir que as miñas apreciación son destrutivas porque coma tesoureiro do PuntoGal vería perigar o meu status. ¿Mande? ¿De qué status falan? A miña pertenza á Asociación PuntoGal é altruísta, e coma todos os socios, incluso estamos a perder tempo e cartos por traballar a prol dun dominio galego na Internet (coido que o tal coleguita descoñece que cando o .gal sexa unha realidade a Asociación PuntoGal desaparecerá coma tal, pois é unha organización finalista, de xeito que non temos intereses escuros).
E sobre a posibilidade de que houbese problemas para rexistrar dominios .gl no futuro podería lembrar casos de países que obrigan a que os rexistradores teñan sede no país e cousas polo estilo, ou sexa, que os responsables do .gl poderían cambiar a súa normativa de funcionamento, especialmente se rexistrasen un volume importante de dominios estranxeiros, e o político do momento considerase que iso lesiona a identidade groenlandesa.
Derrelicto tamén pensa que o meu texto en Código Cero está provocado porque estou no «contorno do PuntoGal» e podería ser unha «opinión interesada». Coido que expliquei bastante ben os meus argumentos, á vez que debería matizar que en ningún momento falei coma representante da Asociación PuntoGal (polo que o feito de que mencionasen en A Nosa Terra a miña pertenza á Asociación ao falar do meu texto en Código Cero pareceume pouco atinado), que por outra banda non ten unha postura oficial nin a favor nin en contra do .gl.
Posiblemente o mellor que lin en Chuza estes días foi o comentario de Peeler, quen di que «empregar o .gl é só outra opçom para poder escolher, nom é para andar a navalhadas entre nós umha vez máis».
¿Malas maneiras?
Posiblemente toda esta polémica non tería lugar se non fose polo xeito no que Dinahosting anunciou a súa oferta de rexistro de dominios .gl, pois foi moi agresivo, xa que non só obviaron á Asociación PuntoGal (á que pertencen, e que celebra Asemblea Xeral o vindeiro venres), senón que realizaron un rexistro masivo de dominios .gl co nome de cidades galegas, marcas e medios de comunicación, o que dende o blog da compañía din agora que era para evitar «usos malintencionados» e aseguran que non van quedar con eses dominios e que están a contactar cos propietarios das distintas marcas para transferirlles os dominios. A min iso chéirame fatal, e supón unha mala práctica, que foi a peor ao activarse redireccións de dominios coma xunta.gl ou farodevigo.gl aos seus dominios .es, dando a entender que a Xunta de Galicia e o Faro de Vigo son usuarios de dominios .gl cando estes pertencen a Dinahosting.
Nun principio non debería haber problemas por todo isto, pois entendemos que Dinahosting non está a actuar de mala fe, pero visto dende fóra pode percibirse coma unha extorsión ou incluso publicidade enganosa. De feito, vexo moi complicado que a Xunta de Galicia ou os distintos concellos dos que Dinahosting ten o seu correspondente dominio .gl vaian rexistrar un nome de dominio deste tipo, pois parece bastante difícil de xustificar que subscriban un servizo dependente dun país estranxeiro. As multinacionais tenden a rexistrar todos os dominios relativos ás súas marcas, pero iso non ten sentido no caso dos entes públicos, que están ben identificados na Internet, e están legalmente amparados polo regulamento do .es e o .eu (entre outros).
Dende Dinahosting deberían ter actuado con máis de tino, pero supoño que pasado certo tempo quedará todo nunha anécdota, e co que quedaremos é coa opción de poder mercar un dominio .gl se o consideramos conveniente. Hai galegos con certo rexeitamento a utilizar un nome de dominio coma o .es, e poden atopar acubillo baixo o dominio .gl mentres non exista un .gal, aínda que é moi posible que a oferta dos dominios groenlandeses poida supor unha confusión para os usuarios que non saiban destas cousas, polo que pola miña banda preferiría que non desen tanto bombo a estes dominios, especialmente porque cando estean en funcionamento os dominios .gal, a empresa máis beneficiada vai ser sen lugar a dúbidas Dinahosting, á que apostaría que van ir parar máis do 90% dos rexistros (de aí que non entenda as declaracións que fixo hai uns meses Paulo Rodríguez falando da «nosa señora da subvención» o que todo o mundo entendeu coma unha apreciación moi pexorativa relativa á Asociación PuntoGal).
En definitiva, que os que queiran rexistrar un dominio co sufixo .gl teñen agora unha opción cómoda e barata, aínda que eu non recomendaría tal práctica por motivos que podedes ou non compartir comigo.