Unha ano máis a Comic-Con de San Diego confirmou que xa non é un evento centrado na banda deseñada, senón na industria do lecer en xeral, de xeito que o cómic é só a desculpa para que o cine e a televisión aproveiten esta grande festa para amosar o que están a preparar para os vindeiros meses.
Unha das cousas nas que máis se notou a celebración da Comic-Con é pola vaga de tráilers que se estrearon estes días, e dos que varios aínda non chegaron ao público de xeito oficial (pois a exhibición na convención foi unha primicia para ir creando expectación).
Thor: Ragnarok
Despois de ver un tráiler que daba a entender que Ragnarok sería realmente unha revisión de Planet Hulk, o novo tráiler dá a entender que iso só sería o comezo do filme, e nesta prometedora película veremos máis do que esperabamos inicialmente. Unha grande nova, especialmente para os seareiros dos viláns da franquía, xa que non só teremos de volta a Loki, senón que Hela promete facer un papel magnífico. A agardar ao 27 de outubro toca.
Liga de la Justicia
A Justice League tamén promete moita acción, deixando agora ver algúns detalles que probablemente quedaran reservados até o momento para deixar que a produción de Wonder Woman transcorrese cun ritmo de seu. Se ben Flash, Aquaman e Cyborg parece que van ter moitos problemas para gañarse ao público (por ser personaxes pouco coñecidos na súa forma cinematográfica), pode que o pulo de Wonder Woman sexa dabondo para salvar a esta película que chegará aos cines o 17 de novembro.
Tamén aproveitaron para estrear un cartel bastante chulo:
Ready Player One
O libro de Ernest Cline por fin deixa ver nun tráiler a forma que terá na súa adaptación á pantalla grande da man de Steven Spielberg, e non me atrevo a dicir se está ben ou mal, porque coido que abusan das secuencias de acción, sen deixar ver ben se os detalles máis frikis da obra orixinal estarán presentes nesta obra.Desta volta haberá que agardar ao 18 de marzo de 2018 para que a produción chegue aos cines, polo que nos vindeiros meses teremos moita máis información sobre a cinta.
Netflix ao poder
Nos últimos anos as series de televisión teñen incluso máis visibilidade que a meirande parte dos filmes, e por iso durante estes días a plataforma de referencia, Netflix, estreou tráilers de grande atractivo.
Xa non falta nadiña para o 18 de agosto, data na que poderemos comezar o atracón de episodios de The Defenders, serie que ten pinta de ser unha secuela bastante directa de Daredevil, con algúns toques do resto de series da Cociña do Inferno.
Aínda que a segunda tempada de Strangers Things non chegará até o 27 de outubro, xa están a chamar a atención dos entusiastas dun xeito moi friki: cun clásico de Michael Jackson e cunha visita máxica aos salóns recreativos (como me gustaban os xogos de Don Bluth!).
Pero realmente o tráiler que está a resultar máis prometedor é o de Discovery, a nova serie de Star Trek que chegará o 25 de setembro en entregas semanais, e que promete devolver a saga con dignidade á pequena pantalla.
Debe estar conectado para enviar un comentario.