Hai 3 anos as mozas do Unicorm Team regaláronnos un divertidísimo vídeo musical sobre as mozas frikis no que contaban con Seth Green, e agora, dúas das súas integrantes (Rileah Vanderbilt e Clare Grant) protagonizan unha impresionante curtametraxe dirixida por Sam Balcomb na que queren amosar a xeito de falso trailer o que podería ser unha película baseada no personaxe de Wonder Woman, que en vez de apostar por o presente e a Segunda Guerra Mundial como a curtametraxe que puidemos ver a primeiros de ano, propón combinar o presente con aventuras mitolóxicas na liña do que podemos ver habitualmente no cómic, algo que dende a Warner non se atreveron aínda a levar nin á grande nin á pequena pantalla, o que é unha mágoa.
Eu sigo pensando que Wonder Woman é un bo personaxe para unha serie de televisión, podendo adoptar unha fórmula que mesture Buffy con Xena, o que podería encaixar con certo público, mentres que en pantalla grande resultaría bastante máis complicado (pois a mitoloxía do personaxe debería dosificarse para non asustar a un público que non saiba de mitoloxía grecolatina), pero supoño que é o camiño que seguirá a Warner, pois tras meter a Batman e Superman nunha nova película é de agardar que incorporen a outros heroes máis para intentar construír as bases dunha futura película da Liga da Xustiza, procurando así replicar o éxito da Marvel con Los Vengadores.
Debe estar conectado para enviar un comentario.