Así podería ser unha película sobre Wonder Woman

Se hai un personaxe do mundo dos comics que parece maldito no audiovisual ese é Wonder Woman, pois nas últimas décadas son varios os proxectos que intentaron levala á...

Se hai un personaxe do mundo dos comics que parece maldito no audiovisual ese é Wonder Woman, pois nas últimas décadas son varios os proxectos que intentaron levala á grande e á pequena pantalla, e sempre rematan en cancelación, en boa medida polas desastrosas propostas que intentaron levar adiante. Para demostrar que a princesa amazona si pode dar ben en pantalla, Jessie V. Johnson decidiu facer un vídeo promocional (sen arela de lucro) no que amosa unha achega conceptual a Wonder Woman, contando coa actriz e cantante danesa Nina Bergman (N.I.N.A.) no papel de heroína que preséntase nun flashback no que lembra os seus enfrontamentos cos nazis, o que podería dar a entender que podiamos estar ante un filme na liña do que protagonizou o Capitán América hai pouco.

Admito que para min a etapa de Wonder Woman na Segunda Guerra Mundial parecíame realmente patética, cun personaxe tópico que hoxe considerariamos moi degradante para as mulleres, e gusto moito máis cando as historias tiran á mitoloxía grecolatina (especialmente a etapa post-Crisis de George Pérez). Unha Wonder Woman en plan Xena podería ter o seu aquel, encaixando mellor na televisión que no cine. Ver a unha rapaza con pouca roupa repartindo leña a matóns no medio dunha cidade sería bastante ridículo, pero enredada nun conflito entre deuses, loitando con criaturas mitolóxicas podería ter o seu aquel.

Paréceme xenial que unha persoa que pensa que pode dirixir cine anímese a facer pezas inspiradas en personaxes de cómic que aínda non chegaron á grande pantalla, o que pode axudar a dar a coñecer a súa valía, e tamén a espertar o interese polo personaxe en cuestión. ¿Veremos algún día unha boa película de Wonder Woman? Non sei, pero cando menos temos agora un trailer que podería darnos unha idea de como podería ser:

O tema musical co que remata o trailer é Xplode, interpretado pola propia N.I.N.A. Ata deseñaron o que podería ser o poster promocional deste inexistente filme:

Que non se diga que non lle botan ganas.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS