Publican a listaxe de finalistas aos Premios Mestre Mateo 2017

Esta mañá tivo lugar a lectura dos nomeados aos XV Premios Mestre Mateo na Fundación SGAE de Santiago de Compostela, cun grande nivel entre os candidatos a recibir galardón,...

Esta mañá tivo lugar a lectura dos nomeados aos XV Premios Mestre Mateo na Fundación SGAE de Santiago de Compostela, cun grande nivel entre os candidatos a recibir galardón, o que confirma o bo momento do audiovisual galego.

Ver listaxe de nomeados aos Premios ▼

Moitos son os comentarios que podería facer, e incluso poderíame animar a montar unha quiniela, pero teño que recoñecer que teño sentementos encontrados, xa que ao coñecer a moitos dos candidatos e incluso ser seareiro das súas series de televisión, resúltame moi difícil elixir.

Sobre a longametraxe que levará o Premio este ano supoño que Cen Anos de Perdón o ten bastante doado, polo que sería moi doado deducir tamén que a mellor interpretación masculina como protagonista recaerá en Luís Tosar, pero eu admito que desta volta preferiría que este último galardón fose a parar ás mans de Federico Pérez como recoñecemento a todos estes anos de Era Visto, unha das series máis divertidas que puidemos ver na Galega. Precisamente iso tamén faime dubidar sobre o Premio á serie de televisión, pois Era Visto compite con Serramoura, a serie máis sólida emitida na TVG dende Matalobos. Vaia, que se fose membro da Academia tería moi difícil o de votar.

Sobre o mellor programa de televisión este ano coido que, sen que sirva de precedente, deberían pasar do Zig Zag Diario e apostar polo Land Rober Tunai Show, xa que nos últimos meses conseguiu converterse en todo un fenómeno televisivo sen precedentes, acompañando o éxito de audiencia cun imporesionante arrastre en redes sociais. Guste máis ou menos, demostraron saber meter á audiencia no peto, e iso ten moito mérito.

Como interpretación masculina de reparto está o detalle de que Serramoura ten dous candidatos, o que podería dividir o voto, pero no meu caso non habería dúbida en apostar por Monti Castiñeiras polo seu papel como Santos… porque Andrés Giraldez non está nomeado pola súa interpretación como Peixe, claro. 😜

Sobre as intérpretes femininas protagonistas e de reparto non me atrevo a opinar, pois penso que está bastante rifada a cousa pero, en cambio, na categoría de Comunicador/a de Televisión si apostaría pola única nomeada feminina, María Solar, que con A Revista Fin de Semana non só fai un bo traballo, senón que tamén contribúe á divulgación do audiovisual galego.

E para concluír as miñas reflexións, sobra dicir que na categoría de Serie Web non son obxectivo, por participar en Galicia Crime, produción que coido que ten moitísimas posibilidades de éxito e que aínda dará moito xogo durante 2017.

En calquera caso, parabéns a todos os candidatos aos Premios, pois o nomeamento xa dá unha visibilidade moi necesaria para o sector que, pese a estar a vivir un dos seus mellores momentos no que a calidade e cantidade de producións se refire, continúa nunha situación económica moi complicada, polo que todo pulo que reciba é bo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS