Agasallos tecnolóxicos na Revista Fin de Semana

Esta mañá María Solar convidoume a facerlle unha visita polo programa A Revista Fin de Semana da Galega, para falar un pouco de tecnoloxía de cara aos agasallos de...

Esta mañá María Solar convidoume a facerlle unha visita polo programa A Revista Fin de Semana da Galega, para falar un pouco de tecnoloxía de cara aos agasallos de Nadal, polo que fixemos un pequeno repaso ao mundo das consolas e pouco máis.

Aproveitei a ocasión para saudar a un par de actores de Pazo de Familia e botar unha boa parrafada co meu bo amigo Xaba, que nese momento estaba libre porque na TVG2 estaban a botar fútbol.

Pero volvendo á tecnoloxía, coido que dende aquí podo engadir algún dos detalles que por falta de tempo deixamos fóra:

Nintendo Classic Mini

A versión de tamaño reducido e con conexión HDMI para poder funcionar nos televisores modernos da primeira consola de Nintendo, que chega con 30 xogos precargados (como Super Mario, Metroid, Donkey Kong e The Legend of Zelda), ao ter un prezo de 59,99 euros é un agasallo de Nadal ideal para xente que hai 30 anos fose cativa, xa que permitiralles revivir unha época a un prezo bastante axustado.

Cómpre avisar de que esta consola non é unha edición limitada, ou sexa, que Nintendo continuará subministrando unidades todos os meses, e aínda que sexa difícil conseguila antes do Nadal, logo haberá moitas oportunidades para adquirila sen ter que pagar máis de 100 euros como fan algúns que caen nas redes dos especuladores.

Hatchimals

Eu non tiña nin idea do que era iso dos Hatchimals até que vin novas que apuntaban que, segundo as buscas en Google, era o xoguete máis demandado do mercado durante as últimas semanas. Veñen a ser algo semellante aos Furby, unhas mascotas coas que pode interactuarse, que neste caso veñen dentro dun ovo, de xeito que pode verse como nacen e como progresan nas súas distintas fases de evolución.

Cito especialmente estas criaturas porque acontece con elas igual que coa Nintendo Classic Mini: son vítima da especulación. O seu prezo normal é de 74,99 euros, e en tendas como El Corte Inglés estes días teñen stock, polo que non ten ningún sentido pagar os preto de 150 euros polos que venden estes xoguetes en moitas tendas en liña para tentar xogar coa ilusión dos cativos para sacar proveito económico.

Outros xoguetes tecnolóxicos

Tamén quixera ter recomendado algún outro xoguete de radiocontrol que  non se limite aos drons, dos que continúa a haber moita cousa, sendo probablemente o máis desexado por moitos frikis o BB-8 de Sphero, que renovouse ao comercializarse unha Force Band, ou sexa, unha pulseira que permite que poidas controlar o droide esférico coa Forza.

Nesta liña tamén hai infinidade de robots á venda, que poden resultar tan divertidos como instrutivos, xa que moitos veñen en kits de montaxe. Poder montar un robot, aínda que sexa un modelo moi básico, é unha excelente introdución a todo un mundo, que despois pode enriquecerse participando nos obradoiros que organizan dende numerosas entidades do movemento Maker por toda Galicia. Agora estes produtos véndense en moitos sitios, pero a propia tenda en liña galega Opirata.com ten unha sección de robótica que pode ser un bo lugar para empezar.

E incluso poden ser bastante recomendables os produtos tecnolóxicos para nenos que imitan aos dos maiores, como os produtos de VTech, que van dende cámaras, tabletas e ordenadores de xoguete até un smartwatch que pode resultar moi divertido para os peques (xa que inclúe actividades). Nesta última liña os de Garmin incluso teñen a vivofit jr., unha pulseira de actividade que procura motivar aos nenos a estar activos. Vaia, que a tecnoloxía que tanto éxito ten entre os maiores tamén busca facerse un oco entre os peques da casa.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...