Levamos meses agardando a que HBO chegue a España para competir con Netflix, e hoxe foi finalmente o día, pero este desembarco resulta moito máis decepcionante do que un podería esperar, xa que, pese á antelación do lanzamento, dá a impresión de ser precipitado, cunha chea de eivas que confío en que corrixan nos vindeiros meses, cando menos antes do inicio da nova tempada de Game of Thrones.
Se hai unha cousa que obxectivamente recibiuse ben de HBO España é o seu prezo, xa que queda en 7,99 euros para 2 visualizacións simultáneas en até 5 dispositivos rexistrados, o que melloraría o prezo de Netflix (que para algo semellante cobra 9,99 euros/mes), pero esa contención na tarifa era inevitable, xa que o catálogo co que chega é a cuarta parte do que ten Netflix, e no caso dos filmes é especialmente deficiente, pois incluso conta con poucas producións que non estivesen presentes noutras plataformas de vídeo baixo demanda.
Pésima interface e poucas apps
Cando, en vez de mirar o que podemos ver en HBO España, miramos como o podemos ver, a cousa pinta mal, pois aínda que é posible gozar da oferta audiovisual no ordenador (a través de navegador web vergoñento reprodutor de vídeo en Flash), no smartphone e en tabletas (con aplicacións para iOS e Android), cando queremos reproducir os contidos no televisor quedamos practicamente limitados a conectar un dos trebellos cun cable, ou empregar solucións como un Chromecast ou un Apple TV, xa que na práctica a aplicación de HBO España non está dispoñible en Smart TV e, especialmente, en consolas de videoxogos. Iso dá a entender que estamos ante un lanzamento a medias.
Pero o peor de todo non que é que haxa poucas plataformas dispoñibles, senón que as aplicacións en si mesmo son malas… malísimas. Incluso na web. Non sei quen sería o xenio que deseñou un sistema no que resulta practicamente imposible atopar contidos sen saber que realmente están aí. De feito, practicamente os únicos contidos doados de atopar son os que HBO ten o detalle de destacar na súa portada.
En Netflix tampouco é doado descubrir elementos (por exemplo, para coñecer as novidades do día a día hai que recorrer a páxinas alleas), pero cando menos o usuario pode introducir series de televisión na súa listaxe persoal, para poder vela logo, mentres quen en HBO España só podemos introducir na listaxe episodios soltos, o que resulta ridículo, porque se meto un episodio dunha serie, se quere ver os seguintes teño que tirar de buscador. E todo porque os elementos nos que indican o título da serie, a tempada ou o xénero non son elementos nos que poida picarse (nas apps). Vaia, que se queren poden arranxalo dun xeito bastante doado, e paréceme moi raro que non caeran na conta, polo que non podo máis que sospeitar que a cousa está suxeitada con pinzas para non colapsar os servidores durante o primeiro mes de balde que contratará á xente de xeito masivo (de feito, durante a xornada había momentos nos que as aplicacións de HBO España non respondían ben).
Enredo lingüístico
As series que están completas en HBO están dobradas ao español, pero cando imos a series en curso atopamos algo un tanto curioso: boa parte das series están a dobrarse, incorporándose o audio en español antes de 2 semanas, pero unhas veces deixan o título do episodio en inglés, e outras tradúceno, polo que o único xeito de comprobar se un episodio está dobrado é reproducilo.
Mal momento
Pero pese a todos os fallos, coido que o peor de todos é o tempo. Por que? Pois por un par de motivos:
1 – Non hai un reclamo actual para contratar HBO España. Haberá quen diga que pode selo Westworld, pero a serie remata a súa primeira tempada dentro dunha semana, polo que non chegará a ter efecto de arrastre. E Game of Thrones aínda está moi lonxe da súa estrea.
2 – Un dos detalles que pode resultar atractivo para os espectadores é poder seguir as series en versión orixinal a ritmo norteamericano, pero elixiron a peor semana do ano para demostrar que non son quen de facelo, xa que esta mesma noite emítese o episodio de Supergirl no que bota a andar o grande crossover de Invasión que continuará con The Flash (serie da que non hai a terceira tempada en HBO), con Arrow (que nin sequera está en HBO) e DC’s Legends of Tomorrow (que si está ao día), ou sexa, que de querer ver legalmente a trama pérdense 2 dos 4 episodios, o que é un completo desastre.
Lembremos a que queren liar coas series televisivas de DC nos EE.UU. e que aquí non poderemos seguir dignamente a través de HBO España:
Oferta familiar
O que si está moi ben é a oferta de contidos para toda a familia, xa que a HBO está a empregarse como plataforma baixo demanda da Disney, polo que os peques poden pasalo de medo con Frozen, El Rey León e moitas outras películas do xigante audiovisual, pero tamén acceder a series como a das Tartarugas Ninja, Dora ou a Patrulla Canina, cun detalle moi importante: ao acceder ao que chaman HBO Family pode bloquearse que os nenos poidan saír de tal sección, para tranquilidade dos seus proxenitores, ou sexa, que poden ter tranquilamente os debuxos animados na súa tableta sen medo a que accidentalmente cheguen ás escenas de sexo e violencia de Game of Thrones. Precisamente aí é onde radica o sentido de que HBO España comece ofrecen 2 streams simultáneos na súa oferta: para que non haxa problemas en que unha persoa vexa as súas cousas na tableta mentres o resto ve outra no televisor do salón.
HBO España non fai doado o compartir contas que é tan habitual con Netflix, o que, xunto coa reducida oferta de contidos e as súas deficiencias iniciais pode facer que resulte bastante complicado que un subscritor de Netflix opte por HBO fóra do período de probas ou antes de que comece a emitirse a serie baseada nos libros de George R.R. Martin.
Debe estar conectado para enviar un comentario.