Waiting for Netflix

Nos últimos días falei en numerosos ámbitos e ocasións de Netflix e as súas bondades, e coma moitos pensan que non é máis que un tópico ou un argumento...

Nos últimos días falei en numerosos ámbitos e ocasións de Netflix e as súas bondades, e coma moitos pensan que non é máis que un tópico ou un argumento tipo contra a Lei Sinde, coido que unha infografía que pretende ilustrar cómo Netflix está a rematar con Blockbuster, ou dito doutro xeito, como un bo servizo de vídeo baixo demanda a un prezo atractivo deixa obsoletos os videoclubs, pode resultar de grande utilidade:
Netflix en cifras
Que Netflix conseguirse sumar 20 millóns de subscritores en Norteamérica (7,7 millóns no último ano e 3,08 millóns no último trimestre) debería facernos reflexionar sobre este modelo de negocio que xa é o segundo servizo audiovisual de subscrición nos EE.UU. (só superado por Comcast). Se consegue sumar un millón de aboados ao mes queda claro que existe unha demanda impresionante que ninguén está a cubrir, e moitos ex subscritores de Digital+ (e outras plataformas televisivas de pagamento en España) poderán acreditar que a oferta actual non responde ás necesidades dos espectadores, polo que estaría moi ben que Netflix chegase a España (aínda que os rumores apuntan a que a industria audiovisual española estase a negar a chegar a un acordo dentro das nosas fronteiras, o que só pode ter consecuencias negativas, botando á xente a subscribirse a Megavideo e cousas polo estilo).

Pero para min o éxito de Netflix non está só no seu atractivo prezo e no seu inmenso catálogo de series de televisión e películas, senón na súa facilidade de uso e na posibilidade de operar en case calquera trebello conectado á Rede, de xeito que existen aplicacións de Netflix para as consolas de videoxogos domésticas, para reprodutores de Blu-ray, para televisiores con conexión á Internet, para dispositivos con iOS (iPhone, iPod Touch e iPad), distintos reprodutores multimedia (pouco coñecidos en España) e incluso está en preparación a aplicación para Android (de xeito que operará en numerosos tablets e móbiles). Iso non só é cómodo, senón que tamén é xusto, pois así non se dará a patética situación actual na que temos que mercar o mesmo produto para distintos soportes. ¿Non é frustrante ter que mercar en Blu-ray a película que xa tiñamos en DVD ou en VHS? Se os contidos son ubicuos e independentes do soporte o consumidor aforra cartos e espazo no fogar. As vantaxes son moitas, e se o prezo a pagar por tal servizo é moderado o éxito está garantido.

Por suposto, as consecuencias da chegada de Netflix tamén teñen unha cara escura, e senón, vexamos o gráfico de evolución de ingresos de Netflix e Blockbuster:
ingresos de Netflix e Blockbuster
Que o éxito de Netflix prexudica seriamente aos negocios tradicionais coma os videoclubs, á vez que move menos cartos, resulta innegable, pero é moito mellor iso que levar ao público a recorrer ao lado escuro do P2P e das descargas directas, ¿verdade?
Non só os videoclubs (que teñen os seus días contados dende hai bastantes meses) están ameazados por servizos coma Netflix (en realidade, porque Netflix é a evolución natural dun videoclub), senón que os servizos de televisión de pagamento tamén van ter serios atrancos, especialmente onde haxa boas conexións ás Rede, pois resultaralles difícil convencer aos seus clientes de manter un servizo obsoleto, baseado en grellas de programación con horarios pechados, o que vai forzar ás compañías a integrar servizos de gravación nos seus receptores ao máis puro estilo de TiVo (outro produto que arrasou en EE.UU. e que por aquí nin cheiramos). Se reaccionan axeitadamente ao final teremos que os consumidores gañaramos moito con esta loita polo audiovisual doméstico, no que resulta evidente que a evolución é a única garantía de supervivencia.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS