Teremos un TEDxGalicia porno?!?!

Ano tras ano o TEDxGalicia achega algunha sorpresa, e ao igual que o ano pasado puidemos ver actuacións en directo de De Vacas e Escuchando Elefantes (un pracer ambas),...

Ano tras ano o TEDxGalicia achega algunha sorpresa, e ao igual que o ano pasado puidemos ver actuacións en directo de De Vacas e Escuchando Elefantes (un pracer ambas), este ano Marcos Pérez tiña pensado artellar unha boa, pero parece que na prensa esqueceron a discreción e estragaron a sorpresa.

Marcos Pérez

O vindeiro día 16 o TEDx terá dezasete charlas de 18 minutos repartidas en catro quendas, pero ao remate das mesmas é posible (aínda non se confirmou oficialmente) que sirvan uns petiscos para que os asistentes que se animen poidan aguantar unha sesión adicional de 4 relatorios sorpresa non recomendados para menores de 18 anos.

¡¿Un TEDxxxGalicia?!

Totó García filmando xunto a XiraldaAo parecer a culpa de todo este fregao foi a curta O Divino Ferrete, primeiro filme porno galego que está a ter moitas dificultades para ver a luz. Non creo que a charla sexa especialmente subida de ton, pero seguro que pode ser unha liada moi gorda, xa que o seu relator, Totó García, está afeito a provocar, con polémicas como cando gravou secuencias pornográficas no contorno da Catedral de Santiago ou da Xiralda de Sevilla (neste último caso atrevéndose a parodiar ao programa de televisión do Gran Wyoming, en concreto á súa colaboradora Usun Yoon).

Pero a min o que me resulta máis prometedor é a participación de Vicente de Souza, quen habitualmente anima as distintas edicións de TEDxGalicia co seu humor, e que de haber unha sesión sen censura podería desatarse e incluso realizar unha presentación completa falando de política, relixión, sexo, humor negro ou participacións preferentes. Medo me dá!

Vicente de Souza

En calquera caso todo isto está no aire, e de poder levarse a cabo, quen credes que serían os relatores perfectos dun TEDx para maiores de 18 anos? Santiago Pemán relatando refráns meteorolóxicos picantes? Hematocrítico desvelando o que agochan as Meigas detrás da mantilla española? Alcalá expoñendo a súa visión do impaís sen trabar a lingua? Ou ao propio Marcos Pérez contando as anécdotas máis salvaxe das sete edicións de TEDxGalicia?

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS