2 Marzo, 2016
Hoxe sae o último número da revista de tecnoloxía Código Cero, na que se inclúen un par de páxinas nas que se aborda a relación da serie de televisión Pazo de Familia coas redes sociais, que quero reproducir a continuación, agradecendo de paso a Cristina López a súa deferencia coa miña persoa:
A ficción televisiva tamén aposta polas redes sociais
Aínda que resulta evidente que o uso do smartphone como segunda pantalla durante a retransmisión de programas en directo pode aproveitarse como unha ponte de comunicación en tempo real moi útil, a programación televisiva gravada e, moi especialmente, as series de televisión, tamén poden tirar proveito das redes sociais para incrementar a súa visibilidade, coñecer a recepción dos espectadores e fidelizar á audiencia.Para coñecer algo máis desta face do audiovisual falamos con Cristina López, auxiliar de produción da serie Pazo de Familia, quen tamén desempeña un rol importante na comunicación en liña da popular ficción que podemos ver os luns pola noite na Televisión de Galicia.
- Dende que botou a andar a serie Pazo de Familia na Galega quedou clara a aposta pola Internet como canle promocional. Tedes algún obxectivo marcado para a presenza en liña da serie de televisión?
- O obxectivo principal é mellorar o vínculo cos espectadores/as. Saber que é o que máis lles gusta da serie e, por suposto, coñecer de primeira man as súas reaccións.
- Ao comezo a presenza na Internet limitábase a ter unha páxina web, e pouco máis, pero agora tamén hai que ter contas en Facebook, Twitter, Instagram… Notades unha grande diferenza deste xeito de comunicar no que os espectadores fanvos chegar a súa reacción directamente?
- Os seguidores de Pazo de Familia son moi heteroxéneos, a súa idade é moi diversa e, por tanto, os usos das redes sociais, tamén. A serie comezou cunha páxina web para dar a coñecer os personaxes, a historia… e, a medida que vai medrando o número de seguidores, a presenza nas redes tamén se foi incrementando coa creación dun perfil en Facebook, Twitter ou instagram. Ben é certo, que temos varios proxectos en mente pero desde o equipazo cremos que hai que ir paseniño, asentando as bases, respondendo a cada seguidor, lendo as súas opinións e valorando cada comentario.
- Tratades as distintas plataformas sociais de xeito distinto? Ou sexa, facedes un uso máis intensivo de cada unha segundo o tipo de contido ou o momento cumprindo o tópico de que Facebook é para ter presenza constante mentres que Twitter é para facer un seguimento durante o día de emisión?
- Cada plataforma é moi diferente e, por tanto, intentamos seguir unha estratexia diverxente pero moitas veces, iso non é posible. A rede social que máis movemento ten é a fanpage pero o día de emisión, os #familiers deixan a súa pegada en cada chío e nós estamos moi felices de que sexa así.
- E falando do día de emisión, facedes un seguimento da audiencia en liña? Notades un cambio de tendencia a tal respecto? Ou a xente segue a ser moi fiel ao televisor e aínda presenta resistencia a ver os episodios do Pazo no ordenador ou nun dispositivo móbil?
- Os #familiers son fieis ao televisor pero existen usuarios que nesta terceira temporada aumentaron considerablemente o seu uso de Twitter e iso fíxose notable no número de chíos correspondente a cada capítulo. Desde o #PazoDeFamilia36 ao #PazoDeFamilia45 a presenza con dispositivos móbiles elevouse e, cada vez, son máis os seguidores que chían cos actores mentres que ven o capítulo na Televisión de Galicia.
- Cando falamos de presenza en redes sociais temos que entender que non se trata só das contas oficiais da serie senón que tamén xogan un papel moi importante os seus intérpretes, e nesta serie, na liña do que tamén aconteceu con Serramoura, notouse moito o feito de que moitos dos actores déronse de alta en plataformas como Twitter para manter unha conexión máis próxima coa audiencia. Ese comportamento saíu dos propios actores ou foron animados por vós para dar ese paso?
- Os actores e actrices de Pazo de Familia son uns fenómenos das redes sociais. Cada semana están pendentes da emisión na TVG e de todos os comentarios que os internautas deixan en Twitter co cancelo correspondente a cada episodio. Para mellorar é esencial coñecer de primeira man as opinións da audiencia que, realmente, é a quen nos debemos. Por iso, cada semana o equipo técnico e artístico de Pazo se informa, participa activamente e se preocupa por cada fan.
- Mentres nos programas en directo a interacción coas redes sociais a través da segunda pantalla tende a ser en directo, no caso da serie notades como é máis frecuente que o público agardar ás pausas publicitarias ou ao remate dos episodios para comentar os episodios para así non perder detalle? Alóngase moito tempo esta conversa en liña tras as emisións?
- Nos programas en directo a interacción é rápida e directa. En “Pazo…” , aínda que o luns é o día no que máis feedback vemos, existe unha conversa gradual que comeza desde o minuto un de emisión ata días posteriores; sexa porque non se queren perder ningún detalle do episodio, porque outros internautas prefiren comentar despois ou porque ese día non puideron ver o capítulo en directo. A presenza de Internet aumentou paulatinamente neste último ano e, tamén o consumo na rede e, por tanto, no servizo á carta da Televisión de Galicia.
- Pero cando non se fala do capítulo da semana coido que tedes un grande obstáculo que superar constantemente, pois o que podedes compartir son detalles das rodaxes, e supoño que resulta bastante complicado poder amosar imaxes ou comentar tramas sen soltar algún dos temidos spoilers.
- Desde o equipo intentamos amosar fotografías das rodaxes de cando en vez para premiar a fidelidade da audiencia pero, iso ten o seu risco. Os spoilers cárgaos o demo e diariamente temos que lidiar con eles. Cando traballas cun número elevado de figurantes, actores, equipos externos… toda precaución é pouca. E coa chegada das novas tecnoloxías resulta moi complicado evitar que algunha fotografía viaxe de maneira fulminante na rede. O caso das filtracións sempre foi problemático en Televisión e ao dispor dun dispositivo móbil e de rede, hai que estar permanentemente alerta.
- Todo o traballo que estades a facer en redes sociais, notades que contribúe a mellorar os índices de audiencia? Ou o seu impacto é máis complicado de medir?
- O traballo nas redes sociais medra considerablemente co aumento de seguidores fieis. Moitas veces, acostúmase a pensar que o número de fans na rede aumentará o share pero non só chega con iso. O produto debe ser de calidade, o seguimento nas RRSS debe ser constante valorando cada comentario, respondendo constantemente, mellorando a presenza na Internet e, por suposto, intentando innovar de cando en vez, tarefa complicada ao mesmo tempo pola rapidez e inmediatez que supón o uso deste tipo de plataformas.
- Tras todos estes meses de experiencia coa serie na Internet, cres que pode existir unha pauta a seguir para manter as redes sociais dun espazo televisivo ou pensas que estamos ante un proceso vivo no que hai que adaptarse constantemente aos hábitos da audiencia?
- Coido que non existe unha fórmula máxica para que un espazo televisivo trunfe en Internet. Ningunha serie é igual a outra e o comportamento dos internautas tampouco o é. Estamos ante un proceso vivo ao que nos temos que adaptar diariamente, coidando cada detalle, artellando cada comentario e buscando novos métodos que melloren e complementen a experiencia televisiva. Non existen receitas infalibles e moitas veces cometemos erros que, finalmente, nos levan a acadar novas ideas.
- E para concluír, como ves que todo este fenómeno social vai afectar ás ficcións no futuro? Cres que é algo que a partir de agora ningún proxecto poderá descoidar se quere poder competir no mercado audiovisual?
- Definitivamente, as ficcións do futuro estarán condicionadas polo novos métodos de ver a Televisión. Os dispositivo móbiles xa son o presente pero, temos claro que non debemos descoidar as novas plataformas pero tampouco o produto nin o mercado audiovisual. A combinación dos métodos tradicionais e das novas tecnoloxías farán un unión case perfecta. Ata hai uns anos, os comentarios sobre as series limitábanse ás críticas, a foros… Agora son os propios usuarios quen teñen o poder de mellorar ou empeorar un produto. Nun momento pódese incendiar a Rede cun erro na emisión ou cun comentario.. e con esa opinión empeorar a reputación online e dar por perdido o traballo de moitos días. Cremos que unha serie debe ser coidada ao milímetro e só intentando dar o 100% en cada acción se chegará á excelencia.
Debe estar conectado para enviar un comentario.