Teño que admitir que nos últimos meses estaba moi gratamente sorprendido pola campaña en redes sociais que estaban a facer da serie Hospital Real, amosando as súas magníficas caracterizacións, e creando bastante expectación ao redor dunha serie da que non se sabía nada, en boa medida, por non ter a un grupo de comunicación facendo ruído, como acontece con outras producións televisivas.
Neste caso parecía que dende Ficción Producciones confiaban no seu produto e quixeron aproveitar o actual impacto que teñen actualmente as redes sociais á hora de crear comunidade ao redor das series de televisión para que a súa nova creación comezase con bo pé, e teño a impresión de que o exame van superalo con nota.
O pasado martes, tras o meu paso polo programa A Tarde da Radio Galega, quedei por Compostela para poder asistir á pre-estrea de Hostipal Real no Auditorio Abanca, nun evento que foi toda unha festa e no que puidemos ver o primeiro episodio da serie.
Por alí non só estaban os protagonistas de Hospital Real, senón que tamén andaba xente de Serramoura, Pazo de Familia, Bamboleo, A Revista, Aquí Galicia… vaia, que case era máis doado enumerar aos ausentes que aos presentes.
A min o que me fixo especial ilusión foi poder fotografar a Toni Salgado e Arturo Santos Zas, polo morbo de que en Pazo de Familia Nino é fillo secreto de D. César, polo que nunca os vimos nunha pose agarimosa en pantalla:
Pero volvendo a Hospital Real, pouco podo dicir sen estragar a estrea de mañá, pero coido que con ver o seu vídeo promocional xa vos faredes unha idea do que nivel que ten esta produción:
A ver como evoluciona, pero nun primeiro momento xa teño claro que a historia romántica vai ser só a desculpa para numerosas tramas. O feito de que César Goldi sexa o pai de Olalla na nova serie xa debería servir de anticipo do que lle agardará ao personaxe de Mariña Sampedro (que vexo que non lle chegaba con ser vítima de secuestro en Serramoura).
A máscara de Loki?
O que si me ten intrigado é un personaxe misterioso que aparece no vídeo promocional (e que ao final do primeiro episodio xa saberemos quen é), pois loce unha máscara que lémbrame á de Loki, ou sexa, á que saía no filme La Máscara de Jim Carrey. Haberá que preguntarlle a Carlos Portela (un dos guionistas) se é algún tipo de aceno friki.
Os personaxes máis carismáticos
E logo, para o público xeral ten toda a pinta de que a estrela da serie vai ser Susana Dans coa súa interpretación da irmá Úrsula, que con ese nome dá a entender que vai comportarse como a antagonista de La Sirenita. A xente vai amar odiala:
Outro personaxe que creo que vai contribuír moito é o cirurxián Sebastián Devesa (Morris), que ten unha aparencia moi traballada, e nun foi a caracterización da que máis gustei nun primeiro momento:
Pouco máis podo dicir. Mañá a partires das 22:00 horas hai que estar pegado á pantalla do televisor coa TVG posta para non perder detalle dunha serie que nos vai ter moi pendentes en maio e xuño, e faranos morder as unllas durante o verán para que poidamos ver o seu desenlace no outono. Un magnífico xeito de curar o mono de Serramoura.
ACTUALIZACIÓN (3-5-2015): Xa sabemos quen está detrás da máscara: 😀
Debe estar conectado para enviar un comentario.