Galicia terá un mes de maio moi friki

O ano pasado, nun alarde de valor, organizouse de xeito totalmente independente a primeira edición de BOOM! Film & Comic en Vigo, deixando claro que había espazo para máis...

ExpOtaku A Coruña 2016O ano pasado, nun alarde de valor, organizouse de xeito totalmente independente a primeira edición de BOOM! Film & Comic en Vigo, deixando claro que había espazo para máis eventos frikis en Galicia e confirmando que o sur da nosa comunidade autónoma pode competir cos multitudinarios encontros que se desenvolven na Coruña.

Agora convócase a súa segunda edición, pero desta volta con maior prudencia, de xeito que moven a data da celebración de marzo (mes moi perigoso en Galicia para organizar nada) a maio, o que fai provocar unha saturación no calendario de moitos, xa que do 5 ao 8 celébrase o 34º Salón Internacional do Cómic de Barcelona e do 20 ao 22 temos na Coruña un novo ExpOtaku.

Dende BOOM! Film & Comic, conscientes do complicado calendario, pero entendo que querendo buscar unha época na que a meteoroloxía non sexa prexudicial, fixaron entre os días 13 e 15 de maio a celebración da súa segunda edición, e para que se vexa que estamos ante cambios meditados e facilitar que a xente vaia planificando a súa asistencia aos certames de cultura popular que hai pola nosa xeografía, abren xa o proceso de venda de entradas a través de Ticketea, de xeito que os máis rápidos pode conseguir un pase para os tres días por 11 euros, que a partires do mes que vén venderase anticipadamente a 16 euros (7 euros no caso da entrada diaria). Sobra dicir que os prezos no despacho de billetes durante o propio evento serán máis elevados, de aí que sexa importante adquirir as entradas con antelación.

prezos das entradas de BOOM! Film & Comic 2016

Aínda que mercar as entradas a cegas pareza arriscado, entendo que os frikis que vivan no sur de Galicia irán ao festival si ou si, mentres que os que estean máis preto da Coruña terán que planificar se van tamén a ExpOtaku ou elixen entre ambos encontros. A estas alturas é moi complicado dicir se estamos ante unha boa ou mala programación no calendario e, aínda que eu prefiro que non haxa dous eventos semellantes o mesmo mes, confío en que saiban diferenciarse dabondo para que haxa moitos que se animen a participar en ambas citas.

concurso de cosplay 2015

O que si parece que estará moi ben será o cosplay, xa que anuncian que terán convidados xeniais e grandes premios para o concurso que vén a ser a guinda do pastel deste tipo de feiras da cultura popular.

Nos vindeiros meses irán dando detalles sobre a segunda edición de BOOM!, así que convídovos a que os sigades en Facebook para ter así información de primeira man que poida axudarvos a saber mellor a que se montará no seu novo emprazamento: a Estación Marítima de Vigo.

ACTUALIZACIÓN (21-2-2016): Xa convocaron o concurso de cosplay para o sábado 14 de maio ás 19:00 horas, cun premio do xurado de 200 euros e outro do público de 100 euros.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS