Repasando BOOM! Film & Comic

Tras acudir o sábado 14 á primeira edición do BOOM! Film & Comic, non foron poucos os que me preguntaron pola Coruña se pagaba a pena acudir ao evento,...

11016719_10153168368163966_7715709355870391171_oTras acudir o sábado 14 á primeira edición do BOOM! Film & Comic, non foron poucos os que me preguntaron pola Coruña se pagaba a pena acudir ao evento, pedíndome tamén que o comparase con algún dos celebrados na cidade herculina, e a resposta non resulta nada doada, xa que aínda que saín cun bo sabor de boca, e o ambiente pareceume moi bo, coido que o público saíu con sentimentos encontrados, xa que tiñan unhas expectativas pouco razoables para un evento tan novo. Eu poríao a medio camiño entre a ExpOtaku e a HobbyCon, case en todos os aspectos, xa que conseguiu unha asistencia de público e expositores notable (sen chegar ao evento da cultura nipoa) e gozou de grande variedade temática (detalle polo que destaca HobbyCon, e precisamente o que creo que é unha das grandes virtudes do evento que se celebra no PALEXCO).

O mellor de todo é que non hai que comparar o encontro vigués cos coruñeses, xa que están distanciados tanto no tempo coma no espazo, polo que pode acudirse a ambos sen moito problema, e incluso agradécese ter algunha actividade importante do mundo friki no mes de marzo, que serve en boa medida para quecer motores de cara a vaga de actividades que se organizan no verán.

As tendas

Non creo errar se digo que unha das cousas máis salientables do BOOM! Film & Comic foi a zona comercial, pois acudiron algunhas tendas que non vira no resto de encontros frikis, o que fai que poidas ver produtos que non sexan doados de atopar, creando unha excelente oportunidade para mercar detalles diferentes e orixinais.

Precisamente para atopar pezas únicas había unha completa zona dedicada a artistas que presentaban alí as súas manualidades, que ían dende bonecos amigurumi até un impresionante boneco animatrónico de Chucky; aínda que os ilustradores ocupaban máis espazo, vendendo as súas láminas e as súas bandas deseñadas. Unha boa oportunidade para pór cara aos autores.

ExpoSyfy

O grande reclamo do evento, a ExpoSyfy, decepcionoume un chisco, xa que pareceume mellor a mostra que pasou pola Coruña en 2011. Supoño que en boa medida foi porque os filmes desta nova exposición eran un tanto recentes, e bastante esquecibles (como Terminator Salvation). Pero iso si, moloume ver pezas como a pistola de Decker en Blade Runner.

Charlas moi interesantes

11043113_10153166211113966_1038143794350239445_o

Durante a mañá puiden acudir a unha charla sobre a serie de televisión do Dr. Who, que foi tan interesante como participativa, na que había un interesante debate sobre as distintas etapas do Doutor. Reflexións moi interesantes para os seareiros da serie dende a súa volta á pequena pantalla.

11045381_10153167949853966_5606634199971659495_o

Tamén fun pola tarde á charla sobre a webserie Angélica y Roberta, que foi toda unha pioneira no panorama audiovisual galego. As creadoras desta ficción para a web deixaron claro que non existe unha fórmula do éxito na Rede, pero tamén que o fenómeno das webseries está cada día máis vivo, de aí que agora organicen o Carballo Interplay, un festival internacional sobre o xénero.

Zona de xogos

Para axudar a pasar o tempo no recinto tamén había unha zona de xogos, nas que non só botar unhas partidiñas, senón tamén na que poder probar a realidade virtual das Oculus Rift, que prometen ser a grande revolución dos videoxogos o ano que vén (cando Sony tamén lanzará a súa solución de lentes de realidade ritual para a PS4).

Cosplay

11046945_10153168366678966_3759962285051624734_o

No encontro tamén destacou a presenza de coaplayers, animada en boa medida polos cosplayers convidados para facer de xurado no concurso que marcaba o punto álxido deste tipo de eventos.

Entre os cosplays que máis me gustaron estaban o de Gaige de Borderlands, o de Ripley de Aliens e o da comandate Shepard de Mass Effect, aínda que fíxome máis ilusión ver a un home vestido do Grande Heroe Americano. Curiosamente o cosplay que máis miradas cautivou foi un de Bioshock, no que a Little Sister estaba currada, pero o traxe de Big Daddy non estaba completo (supoño que por iso non se presentou a concurso).

O que si foi moi simpático foi que, cando os doutores posaban fronte a TARDIS e casualmente apareceu por alí unha moza caracterizada como Clara Oswald, que curiosamente era moi semellante á propia actriz, o que era todo un puntazo.

11025991_10153168365988966_5153201073676341579_o

O concurso si que estivo moi animado, con poucas pausas entre participantes (o que agradécese moito) e bastante nivel, o que fixo que houbese certo malestar ao anunciarse que a gañadora foi a comandante Shepard, xa que moitos agardaban que a posta en escena da tenente Ripley (cun alien guiado por cable atacándoa) a coroase como gañadora da tarde. Entendo que uns dean máis peso á presentación que ao traxe, pero coido que o xurado foi bastante xusto, xa que a armadura de Shepard estaba moi ben feita.

Do que coido que non houbo dúbida foi sobre o recoñecemento honorario que se fixo ao cosplayer que ía do Rei do Xeo de Hora de Aventuras, xa que sorprendeu a todo o mundo cantando o Let It Go de Frozen. Foi unha risa!

Iso si, para lembrar aos cosplayers asistentes, nada mellor que un vídeo: 😉

Podemos concluír así que BOOM! Film & Comic foi todo un éxito, cuns contidos moi completos e unha grande participación do público, polo que confío en que se reeditará anualmente un evento tan necesario no sur de Galicia, á vez que pode contribuír a crear certo ambiente de competencia, animando a que as festas frikis coruñesas sexan aínda mellores.

Se queredes ver máis imaxes do evento, publiquei unha completa galería sobre o mesmo en Facebook.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • San Diego Comic-Con, tráilers a mogollón

    Unha ano máis a Comic-Con de San Diego confirmou que xa non é un evento centrado na banda deseñada, senón na industria do lecer en xeral, de xeito que...
  • Unha semana para Wonder Woman

    A primeiros de mes estreouse nunha chea de países o filme de Wonder Woman, polo que levo moitos meses esperando con ilusión, principalmente para poder comprobar se queda esperanza...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • Supergirl promociona o filme de Wonder Woman

    A pasada noite a serie de televisión de Supergirl despediu a súa segunda tempada, e aproveitaron a ocasión para facer publicidade do novo filme de Wonder Woman protagonizado por...