Botando a vista a onte, coido que ten o seu aquel comentar algúns datos dos resultados electorais, aínda que sexa só para ver os cambios en apoios recibidos por as distintas forzas e o estado de bloqueo que parece estar a producirse.
Resultados estatais
Se esquecemos as forzas menos representativas, e limitámonos a comparar os grandes bloques formados por PP+Ciudadanos e por PSOE+Podemos (e afíns) temos un auténtico empate técnico nos resultados electorais:
Partido | Escanos | Votos |
PP | 123 | 7.215.752 |
Ciudadanos | 40 | 3.500.541 |
163 | 10.716.293 | |
PSOE | 90 | 5.530.779 |
Podemos | 42 | 3.182.082 |
En Comú | 12 | 927.940 |
Podemos-Compromís | 9 | 671.071 |
En Marea | 6 | 408.370 |
159 | 10.720.242 |
Haberá que ver como venden os partidos estes resultados, pero unha cousa parece clara: aínda que o conglomerado de dereitas gañe en escanos, en número de votos gañaría o conglomerado de esquerdas, polo que os argumentos sobre quen gañou son moi febles.
As eleccións gáñanas os partidos que forman Goberno, non os que resultan máis simpáticos, nin os que reciben máis votos que os seus competidores, xa que non é razoable pensar que o 28,7% dos votos supón un volume de apoios dabondo para presumir de gañar nada.
Resultados autonómicos (Galicia)
Os resultados galegos teñen interese pensando especialmente no feito de que en 2016 hai eleccións galegas, que prometen ser interesantes, xa que o PP pasou de recibir o 52,5% dos votos en 2011 a caer até o 37,1%, dando a entender que a cidadanía non vai pór doada unha maioría absoluta, e resultado moi complicado o panorama de pactos (xa que Ciudadanos aínda non pinta nada na nosa comunidade).
Partido | Escanos | Votos 2015 | Votos 2011 |
PP | 10 | 605.178 | 864.567 |
Ciudadanos | 1 | 147.910 | 0 |
11 | 753.088 | 864.567 | |
PSdeG-PSOE | 6 | 347.942 | 457.633 |
En Marea | 6 | 408.370 | 0 |
BNG-Nós | 0 | 70.464 | 184.037 |
12 | 826.776 | 641.670 |
De todos os xeitos non podemos obviar que aínda que o BNG pode considerarse como o grande perdedor galego, de cara a unhas eleccións autonómicas é de agardar que si conseguise máis do 4,3% dos votos, de aí que intentar trasladar estes resultados ao ámbito autonómico non pareza moi realista.
Resultados locais (Melide)
A nivel local o cambio tamén é moi acusado, e en Melide puidemos ver como o PP pasou do 64,2% dos apoios a só o 48,3% (o que segue a ser bastante alto). Poderiamos dicir que foi realmente o BNG o que saíu peor parado, xa que boa parte dos partidarios prefiriron apoiar a En Marea, mentres que o PSdeG parece ter atopar o seu chan, de xeito que apenas ve erosionados os seus apoios.
Partido | Votos 2015 | Votos 2011 |
PP | 2.191 | 2.914 |
PSdeG-PSOE | 825 | 843 |
En Marea | 715 | 0 |
BNG-Nós | 349 | 570 |
1.889 | 1.413 |
Aínda así en Melide continúa a gozar con máis votos o PP que o resto de forzas significativas xuntas, confirmando o feito de que os populares manteñen a súa posición forte na vila.
As autonómicas serán especialmente interesantes en Melide xa que a anterior alcaldesa é actualmente conselleira, polo que traslada á poboación a sensación de que co PP a vila ten maior peso na política autonómica, efecto que será complicado que poida contrarrestar a oposición, especialmente porque polo momento as mareas non teñen peso no rural galego.
Debe estar conectado para enviar un comentario.